As asociacións culturais Queremos Galego Marín, Amigos da Cultura (Pontevedra) e Trabalingua (Vigo), con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, fan un chamamento "á dignificación do noso idioma, á súa normalización e á recuperación do seu prestixio," polo que elaboraron un Manifesto polo Idioma, ao que darán lectura pública hoxe na Alameda Rosalía de Castro de Marín ás 12.00 horas, á beira do monumento a Rosalía de Castro.

Encargarase da lectura do manifesto Guillerme Ignacio Costas, compoñente do grupo folk "Quempallou", investigador da música tradicional, mestre e veciño de Cela. Contarán tamén coas intervencións do grupo de música tradicional "Trubincos do Batán" e as intervencións poéticas de "Trabalingua".

Ademais, a asociación cultural Almuinha organiza a sétima edición da súa Festa da Lingua, cun programa de actividades que xa comenzou e que culminarán hoxe cun acto na Alameda Rosalía de Castro tamén hoxe.

Esta programación comezará ás 11.30 horas cun pasarrúas do grupo de música tradicional Pousos da Area, que percorrerá distintas rúas e prazas de Marín, chamando a veciñanza á lectura colectiva, que terá lugar ás 12.30 horas na Alameda.

Esta lectura colectiva de textos de Manuel María, na que pode participar quen o desexe comunicándollo previamente á organización, estará amenizada polas intervencións musicais dos grupos Pousos de Area e Os de Marín.

Concerto

Por outra banda, en dentro da programación do Concello polo Día das Letras Galegas, mañá domingo, tamén na Alameda Rosalía de Castro, celebrarase o Concerto do Día das Letras, a partir das 12.30 horas, a cargo da agrupación musical Ateneo Santa Cecilia. Ás 18.30 horas, tamén neste parque, a compañía de teatro Tarabelos representará a obra Amoriños Contei.