Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco Rodríguez: "Agás a marabillosa obra de Manuel María no Día das Letras non hai nada que festexar"

Presenta hoxe o seu libro sobre o conflito do galego, unha referencia da sociolingüística

Francisco Rodríguez nun acto na galería Sargadelos. // Rafa Vázquez

Convidado pola Asociación Maio Longo, Francisco Rodríguez presenta hoxe en Pontevedra a quinta edición dun libro fundamental da sociolingüística galega, "Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza. A situación do galego como síntoma". O acto celebrarase ás 20.30 horas na Casa da Luz.

-Este mes celebrase o Día das Letras. Hai algo que festexar?

-Non, agás a existencia marabillosa da obra de Manuel María no Día das Letras non hai nada que festexar, soamente temos que celebrar que hai un movimiento de resistencia a favor da lingua e da cultura galega pero hai que condear e repudiar o que é a política lingüística oficial, a nula cobertura que se lle da ós dereitos lingüísticos dos galego falantes e a agresión continua á nosa lingua ata extremos que estamos vivindo como extranxeiros no noso propio país.

-Cal é hoxe a situación do galego?

-É unha situación de retroceso cuantitativo nos usos en todos os espazos, ambientes e idades que mete medo, de tal manera que dende os anos 80 co inicio do marco autonómico ata hoxe o descalabro é espectacular.

-Por que se produciu?

-Porque se empezou atacando xa ó pouco que había de usos do galego normalizado no ensino ata despois nos últimos anos facer a inversión máis burda e brutal que se fixo na historia de Galicia e que consistiu en decir que o galego se impuña, cando é unha lingua residual, á que non se lle respecta ningún tipo de dereitos, que a administración non ten deberes respecto deles e como resultado a situación é cuantitativa e cualitativamente moi preocupante.

-Dende fóra o lingüístico semella exclusivamente un debate de incultos. É asi?

-Non, non é un debate de incultos, é un deseño que ten a política do estado español en xeral, hai un deseño claro de non aceptar o pluralismo lingüístico, por máis que despois haxa unha cativa lexislación que en caso de que houbera gobernos autonómicos favorables ó idioma propio terían dado algo de sí. Como no caso galego esto non aconeceu agás no bipartito dunha maneira moi moderada e xa sabemos como foi atacado, con canta indisia e mentiras, o resultado final é terríbel, aquí a idea de que o galego se impón e a administración non pode ter deberes con él é unha idea dos grandes medios do estado español, das grandes empresas e partidos políticos, da ideoloxía dominante en España que é excluínte e xenófoba, e soamente nos lugares nos que se lle fai fronte a eso porque hai un marxe legal mínimo se se quere desenvolver acontece o que aconteceu en Cataluña ou en Euskadi, onde a situación da súa lingua con respecto ó inicio da transición mellorou sensiblemente.

-Pero Cataluña (e xa non digamos Euskadi) non estaban nunha situación peor?

-Xusto, aquí a nosa situación era mellor que a do catalán nos anos 80, e agora diminuiu, por eso digo que mete medo.

-Esta involución pode ser mudada?

-Todo o proceso lingüístico involutivo pode ser mudado, pero teñen que cambiar as circunstancias políticas e despois a sociedade ten que vincular o idioma a unha perspectiva de futuro, que é o que en Galicia falla, a xente fai unha relación causa-efecto ao revés da práctica: pensa que para ser algo hai que abandoar o galego, e a realidade é que seremos algo o día que nos asumamos a nós mesmos... Todo o proceso lingüístico é posible cambialo, e moito máis en linguas que son trasparentes, que non son tan opacas que non se podan entender por parte dos asimilados, os procesos de recuperación non son difíciles, o que si o é é mudar as circunstancias políticas do país.

-Todos os estudios falan dos beneficios da educación bilingüe e dun cerebro máis plástico. Cal é o problema?

-É que se vincula a idea de galego, catalán ou vasco a un proxecto de soberanía nacional e independencia por parte da política hexemónica do estado, polo tanto non hai que consentir que a conciencia lingüística vaia adiante polo temor a que se hai conciencia lingüística haxa conciencia de país. E logo a burguesía en Galicia é sicaria, entregada ó deseño español de arrasar toda a diferenza; tamén está o problema interno, por exemplo a Iglesia católica, pero o principal problema son os aparatos do estado, comezando pola xustiza, que mete medo.

-Canadá, Suiza ou Reino Unido asumen con naturalidade e intelixencia (ata se se quere perversa) ser un estado plurinacional....

-Aquí é todo o contrario, Gran Bretaña efectivamente levao con nauralidade represiva, pero con naturalidade, emprega métodos políticos e diplomáticos para acabar cos pobos ou para combatilos, pero non dubida de que Escocia sexa unha nación, o que intenta é por todos os medios que non se vaian, pero non negan esa realidade entón si que nese aspecto simbólico hai moito máis respecto, pero en España hai un imperialismo moi histérico e excesivamente asimilista, pouco político e intelixente efectivamente. E si, e un dos problemas graves que hai, e máis todavía que a poboación galega interiorice moitos destes prexuizos, o máis grave da españolización de Galicia non é a que nos impoñen desde fóra senón como nós priorizamos esa filosofía que nos fai esperpénticos.

Compartir el artículo

stats