Cerca de unha vintena de concertos e actividades para toda a familia compoñen o festival Galegote Rock, que se celebrará do 12 ao 14 de maio en locais e espazos públicos de Pontevedra.

"É importante sacar a música á rúa e demostrar que a galega non é so folclore", explicou na presentación da iniciativa o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberte Oubiña.

Entre as novidades deste ano, figura a incorporación de parte da programación destinada ao público infantil e familiar. Será o sábado 14 de maio pola mañá no mercado de abastos e na Praza da Pedreira. Haberá contacontos, unha obra de teatro cantada, obradoiros de xogos tradicionais e unha zona de lecer.

Aínda que o groso do programa o conforman os 18 concertos, que se desenvolverán en cafeterías, bares, locais de copas e prazas da cidade.

Querido Extraño e Roger de Flor serán os encargados de inaugurar esta edición. Ambos cantantes, que participaron onte na presentación do festival na Praza da Peregrina, tocarán o xoves 12 de maio en El Pequeño, ás 21.30 horas.

Santos Morcegos e Camarada Nimoy darán un concerto ao día seguinte, o venres 13 de maio, na Sala Karma (22 horas).

O sábado 14 de maio será o día grande da iniciativa en prol do galego. Dende as 11 da mañá e ata ben entrada a noitiña, tocarán Tanto nos Ten, O Cadelo Lunático, Davide Salvado, Alley Stompers, Tatan Chapeu, Mike Grelo, Curmán, Poetarras, Sokram, Champurrada e Familia Caamagno. As actuacións terán lugar na prazas da Peregrina, Pedreira e Cinco Rúas. Tamén na sidrería Montañés, Savoy, Parador, Grifón, Diaño, El pequeño y el Teatro Principal, entre otros.

Todos os concertos son de balde. No caso dos celebrados en locais privados, a entrada limitarase á súa capacidade.