O XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra achegará á cidade nove exposicións que se poderán visitar durante o mes de abril. Ademais, tamén repartirá manteis ilustrados por Sandra Carmelo e Dani Padrón (AGPI) nos establecementos hosteleiros do centro histórico e se ambientarán as rúas da cidade en colaboración co Centro Comercial Urbano-Zona Momumental. Así mesmo, a Concellaría de Parques e Xardíns do Concello de Pontevedra creará "A horta do salón", especialmente pensada para os máis pequenos.

O Salón, no Pazo da Cultura será o espazo que acolla a maioria das exposicións que se levarán a cabo nesta edición. Por el pasarán os traballos que varios centros de ensino de Pontevedra e comarca realizaron para a ocasión, a ambientación xeral do Pazo da Cultura e unha intervención artístico-educativa que os alumnos e as alumnas co CEIP Caballal levaron a cabo poñéndose na pel dos deseñadores do Salón. A intervención, levada a cabo por uns 40 nenos e nenas de entre 10 e 11 anos, consistirá nun xogo de camuflaxe con pistas, textos e diversos animais buscando a interacción co espectador.

Por terceiro ano consecutivo, o Máster de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Universidade de Vigo tamén colabora estreitamente co Salón. Os participantes crearon para a ocasión un grupo de ilustracións simples para xerar un conxunto de máis de cincuenta imaxes de animais estraños nun xogo perceptivo, visual e de memoria.

A exposición "Escarlatina-Esmeraldina", que ocupará o vestíbulo do Auditorio do Pazo da Cultura, amosará o traballo dixital de técnica clásica que Víctor Rivas realizou ao ser o ilustrador dos libros de Ledicia Costas "Escarlatina, a cociñeira defunta" e "Esmeraldina, a pequeña defunta" .

No salón do Pazo, Óscar Villán amosará una visualización da historia "As peripecias de Extravaganzza Pérez", da que é ilustrador. Nela poderanse ver pezas orixinais da creación da personaxe, as primeiras probas e tintas orixinais coloreadas a ordenador.

"Cocorico en movemento" ocupará a Biblioteca Pública Antonio Odriozola. Nesta exposición, o público poderá ver o escenario real de gravacións da serie en stop motion "Cocorico" da Televisión de Galicia, así como elementos que formaron parte da adaptación do libro ao formato televisivo: storyboards, ilustracións...etc.

Do 7 ao 30 de abril, a Galería Sargadelos acollerá a exposición "Da ciencia á ficción. Búscate no Salón" na que se amosarán imaxes da pasada edición da fotógrafa Alba Sotelo.