Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866), ilustrado, matemático, político e topógrafo, autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, é o protagonista da novela "Fontán", do escritor Marcos Calveiro, unha publicación de Galaxia que foi distinguida co Premio de Narrativa Breve Repsol 2015 e que xa vai pola terceira edición.

-Como chegou ata a figura de Domingo Fontán?

-Realmente, a Fontán chego a través doutros escritores. Onde o descubro é en "Arredor de si", de Otero Pedrayo e o remate simbólico da novela. Tamén por referencias noutros escenarios. Foi un elemento simbólico da xeración Nós. Castelao falaba del, Cunqueiro falaba del... E de aí vén un pouco a obsesión. Comecei a investigar e cando descubrín a súa vida e todo o que fixo para crear o mapa de Galicia, pareceume un personaxe excepcional que está un pouco esquecido.

-Segue a ser unha figura descoñecida en Galicia?

-Hai moitas persoas que teñen referencias del, pero o que é certo é que o mapa eclipsou un pouco a súa figura. Pero é algo que pasa con todos os homes de ciencia. Se preguntas por escritores, todo o mundo se lembra dos seus nomes, pero non das figuras da ciencia. Domingo Fontán está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, onde todo o mundo sabe que está Castelao, Rosalía... poucos se lembran de que alí está Brañas, ou Asorey. Se Fontán está alí, por algo será.

-Canto tempo lle levou documentarse?

-A documentación son trinta anos da miña vida! Era un personaxe que me obsesionaba e cada vez que lía algo ou atopaba algunha información sobre el, tomaba nota nunha carpetiña. Ata que finalmente, hai uns anos, púxenme coa novela. Ademais, a min interesábame moito esta viaxe que el fixo de 17 anos para trazar o mapa cun burro, coma se fose case un personaxe de western. Sobre a súa infancia case non hai documentación e na novela está case todo ficcionado. É moi interesante ver como nun rapaz dunha aldeíña de Portas nace a paixón pola ciencia, e non por ser crego nin abogado nin médico.

-Foi un proceso de documentación laborioso?

-Realmente non foi algo que me custase porque eu son un tipo curioso. Moitas veces foi unha pescuda froito do azar, de atopar información, de atopar na rede moitos arquivos dixitalizados, que me aforraron moitas viaxes. Non o tomei coma un traballo.

-Cal é a faceta que máis lle atraeu de Domingo Fontán?

-A min o que máis me atrae é o home que fai o mapa, que pasa eses 17 anos co burro. Pero tamén foi político, deputado en Cortes, participou na división xudicial e provincial de Galicia, secretario das primeiras deputacións, político liberal, profesor represaliado pola súa condición de neoliberal... é un personaxe con moitísimas facetas. Tamén foi un home de empresa. Tivo unha das máis importantes papeleiras que houbo en Galicia, en Lousame. Foi un home que lle deu absolutamente a todo.

-É este o seu lado máis descoñecido?

-Si, é unha delas. Todo o mundo fala do mapa, que foi utilizado nesa división de Galicia, tamén para o trazado das liñas de ferrocarril. Foi un mapa que perviviu durante case cen anos, porque era o mellor que había.

-Estase achegando a Domingo Fontán aos rapaces nas escolas?

-É un personaxe en xeral descoñecido para o gran público. Nunha asignatura de ciencias pode ser interesante, para coñecer a situación no século XIX, no que Galicia estaba á cabeza de Europa. El e outros científicos se carteaban co mellor da ciencia europea do momento, pertencían a sociedades. Isto serve para quitarnos da cabeza que Galicia estaba aquí esquecida nun refuxiño da Península Ibérica.

-En vida foi recoñecido como merecía?

-Tivo homenaxes en vida, pero o século XIX foi un século moi convulso e el estivo represaliado moitas veces pola súa condición liberal e tivo moitos atrancos para publicar o mapa e practicamente todos os exemplares foron secuestrados polo Goberno. En certos ambientes si foi recoñecido, pero supoño que morreu un pouco esquecido.

-Tería todo sido diferente se non fose liberal?

-Si, de feito facilitou o seu traballo para elaborar o mapa, como estivo tantas veces ocioso... El era profesor na Universidade de Santiago e o botaban da cátedra por liberal, tivo tempo para viaxar por Galicia. El antepuxo a Galicia ante calquera outro interese. Tiña a Galicia metida entre cella e cella. A pesar de ser un home do século XIX, era un protonacionalista. Falaba castelán e era católico, todo un señor do XIX, pero tiña claro que o que había que dicir de Galicia tiña que dicirse dende aquí e non dende Madrid. Moitas das discusións que tivo no Congreso dos Deputados foi sobre esa cuestión. E ese non deixa de ser un pensamento nacionalista.

- "Fontán" xa foi galardonada. Que supón ese premio?

-Un recoñecemento a unha idea que tiña na cabeza dende hai tempo. Se non chega a ser polo premio non tería a repercusión que tivo, que xa vai pola terceira edición. O que teñen os premios é que dan unha visibilidade pública.