O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, mantivo, a petición da Plataforma Non a Fusión Cerdedo-Cotobade, un encontro con varios dos seus membros co fin de analizar o proceso auspiciado pola Xunta e debatir que implicacións podería ter para os concellos que se atopan na súa área de influencia.

Andrés Díaz manifestou o se respecto institucional aos dous concellos implicados no proceso pero reiterou a súa postura de que "para iniciar un proceso de fusión destas características sería preciso, en primeiro lugar, un debate amplio e sosegado no Parlamento galego onde todo o mundo poidera expresar as suas opinións e proxectos de reorganización territorial de cara ao futuro, conscientes da pouca viabilidade dos concellos de menos de 5.000 habitantes como xa ten expresado a Unión Europea. En segundo lugar, unha vez que se estea dacordo sobre o "mapa de fusións", sería preciso facer un estudio técnico, serio e en profundidade das vantaxes e inconvintes de determinadas fusións, incluir a participación da Deputación de Pontevedra, como marca a lei, e apelar ao bo entendemento dos alcaldes implicados, como representantes públicos e, finalmente, someter o proceso a unha consulta popular para que tódolos veciños e veciñas podan expresar a súa opinión e se lle teña en conta. Do contrario, o proceso está condeado ao fracaso", dixo Díaz.

Preocupación

Díaz Sobral expresou aos veciños que as portas do Concello pontecaldelán sempre están abertas, "e máis aínda para falar dun asunto con profundas repercusións en toda a bisbarra". Un diálogo que tamén está a facer extensivo a todos os alcaldes da contorna, cos que mantivo conversas que considera moi construtivas. Desta rolda de conversas, Díaz sacou a conclusión de que a fusión desperta preocupación en varios dos rexedores, con independencia da súa cor política, tanto polas súas consecuencias como polo xeito en que se está a abordar.

O rexedor de Ponte Caldelas recalcou que "unha decisión deste calado debe sustentarse en criterios técnicos sobre os orzamentos municipais, o urbanismo, a xestión e prestación de servicios e factores socioeconómicos e demográficos. Todo elo, curiosamente, aparece recollido na Lei de Modernización da Administración Local que aprobou o PP, na que se esixe un convenio de fusión que incida nestas cuestións". En resumo, engadiu o alcalde pontecaldelán, que "calquera fusión debe partir de estudos técnicos previos. Pero alguén coñece o convenio de fusión entre Cotobade e Cerdedo?", preguntouse.

Díaz revelou que veciños de Cotobade lle están a dicir que preferirían fusionarse con Ponte Caldelas, territorio co que hai unha maior relación e interdependencia social. O alcalde caldelán explicou que mantén unha relación moi cordial co seu colega de Cotobade, Jorge Cubela, e que respecta a súa autonomía para tomar decisións, pero todo o mundo entende perfectamente que antes de dar pasos deste calibre hai que estudar ben non só como se fusiona un, senón con quen, porque só así hai garantías de respectar o interese xeral que debe guiar toda decisión administrativa.

Despois de escoitar as preocupacións expresadas polos membros da Plataforma, Andrés Díaz coincidiu en que o proceso debería ter comezado cunha información previa, suficientemente ampla, aos veciños. "En lugar diso, optouse pola estratexia política a curto prazo. A xente non sabe en que e como lle vai repercutir a fusión; hai temor ás consecuencias económicas que para Cotobade pode supor asumir a débeda de Cerdedo e eu só podo dicir que todo isto debería estar xa estudado e ben explicado", afirmou o rexidor.

Persoarse como interesado

Díaz indicou que o seu Concello estudará persoarse como interesado no expediente de fusión que tramita a Consellería de Presidencia, con independencia de que, se non é posible, poda presentar alegacións durante o período de información pública para deixar claro o seu punto de vista. "Creo que ademais dos informes da Deputación e da Comisión Galega de Delimitación Territorial que a lei galega prevé, deberían informar tamén aos municipios limítrofes, porque temos cousas que achegar", declarou Díaz Sobral.

O alcalde engadiu que "trátase de sumar entre todos e de enriquecer o proceso para que as fusións sumen e melloren a calidade de vida de todos e todas e non queden reducidas a un mero instrumento de propaganda ou a unha simple reorganización do mapa electoral de ningún partido. Así, a utilización partidista das institucións resta seriedade ao proceso de fusión".

Neste senso lamentou a actitude do PP, "a pesar dos constantes ofrecementos para axudar a construír un escenario de fusións máis acertado e participativo. Mesmo algúns alcaldes do PP téñenme recoñecido que están moi preocupados por algo que cualifican como unha "xogada" que crea un gran municipio só en territorio, pero que segue a ser pequeno en poboación. Que case arrodea a outros municipios e debuxa un mapa improvisado do centro da provincia".

Díaz recalcou diante dos membros da Plataforma que "cada vez hai máis voces que apostan por unha fusión entre Ponte Caldelas e Cotobade. E trátase dun asunto, explica, que poderiamos estudar perfectamente. As fusións, engadiu, teñen moito máis sentido si se conciben para superar a barreira dos 10.000 habitantes, porque iso permite prestar mellores servizos e obter un mellor equilibrio financeiro.