É tan doado como xuntar os dedos polgar e índice e poñelos facendo un círculo sobre un dos ollos. O nome de Castelao, figura esencial da historia e da cultura galegas, xa ten a súa propia expresión na linguaxe de signos. E este xesto tan sinxelo foi feito público onte na rolda de prensa na que a Deputación de Pontevedra presentou o calendario de actividades que se porá en marcha co gallo do Ano Castelao e que, por primeira vez, chegará aos 62 concellos da provincia.

Ademais de pola integración e pola accesibilidade das personas con dificultades auditivas, a iniciativa tamén apostará polas novas tecnoloxías.

Respecto á accesibilidade dúas das exposiciones programadas incluirán o uso de audioguías e signoguías coa linguaxe de signos, oficial dende o ano 2007.

Neste sentido, a presidenta da Organización de Xordos de Galicia, Xoga, María Jesús Monterde, mostrou o seu agradecemento por esta inclusión e anunciou que para celebrar o Ano Castelao se creara especialmente un símbolo co nome do artista e galeguista.

"O signo permitirá que persoas que non son galegas tamén poidan coñecer ao autor", subliñou.

Así mesmo, unha aplicación, App, creada por Toño Escudero, achegará aos rapaces a figura de Castelao a través de historias, contos, viñetas e exercicios, así como compartir audios e outros contidos creados a través da internet.

O calendario ofrece varias exposicións. "Escenarios da Prehistoria para visitar" centrarase na preocupación de Castelao polo patrimonio arqueolóxico e artístico e polos seus estudos ao respecto.

Luis Davila e FARO

"Luis Davila. A retranca dun país" lembrará, a través do humorista gráfico de FARO e as súas viñetas do Bichero, a época na que Castelao colaborou cos diarios Faro de Vigo e Galicia, nas décadas dos anos 20 e 30.

A mostra permitirá facer unha reflexión sobre o mundo do mar, o agro e a muller galega.

"De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego" presenta outra das facetas do autor, mentres que "Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia" aborda o tema da música, un dos que máis interesou ao escritor e artista.

A programación do Ano Castelao que chegará a 62 concellos tamén incluirá o ciclo "Contando conusas e cousiñas", con Bea Campos, Cándido Pazó, Celso Fernández Sanmartín e Raquel Queizás.

Completan as actividades os "Cantos de preto e lonxe" e os "Cantares de Cegos", así como obradoiros infantís da man de Viravolta Títeres e ReiZentolo.

A primeira das actuacións do calendario, que se prolongará ata fin de ano, terá lugar o vindeiro 26 de marzo en Moaña cun concerto de Migallas Teatro.