Un recital poético-musical marcou os actos de celebración do 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro desenvolvidos polo Concello de Ponte Caldelas no Centro Cultural. O acto inicouse coa lectura por parte do concelleiro do BNG e director do CEIP Cordo Boullosa, Manuel Barreiro, dun manifesto editado para a ocasión en defensa do idioma galego e ensalzando a figura da literata galega universal.

A continuación, un grupo de nenos e adultos, usuarios habituais da Biblioteca de Ponte Caldelas, foron recitando diversos poemas ou estractos de obras de Rosalía de Castro e do poeta Manuel María.

Entre lecturas o grupo de corda Laranxada de Limón interpretou varias cancións que forman parte do acervo cultural e musical galego e que teñen como nexo de unión á figura de Rosalía de Castro.

Así interpretaron cancións como "Campanas de Bastabales" ou "Adeus ríos adeus fontes?" de Amancio Prada, Fuxan os Ventos e de Suso Vaamonde quen recibiu unha lembranza especial dos presentes por ter nacido en Regodobargo, na parroquia da Insua, lugar onde repousan as súas cinzas ao seu paso polo río Verdugo-Oitavén.

Dinamizar o municipio

Este evento cultural enmárcase tamén dentro da aposta do equipo de goberno de dinamizar o municipio desde o punto de vista cultural con eventos de todo tipo que sirvan de alternativa lúdica de lecer e formativos para o público en xeral.