Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Campos: "Hai vinte anos non había material infantil en galego"

A actriz defende o uso da lingua como vía para facilitar a aprendizaxe doutros idiomas

María Campos. // R. Vázquez

María Campos é a alma mater, xunto con Carlos Yus, de Migallas Teatro. A compañíapontevedresa foi constituida profesionalmente en 1996, aínda que a súa traxectoria comezou uns anos antes como grupo de teatro de afeccionados. Dende esa data levan realizado unha media de 70 representaciones por ano, o que suma unhas mil actuacións ás súas costas. Entre os seus traballos é salientable o libro-disco "Pan de Millo", do que saíron os espectáculos "Debullando cancións", "Merendas con pan de miño" e "Vai ser boa!".

-Que supuxo para vós este premio?

-Foi unha sorpresa, porque non é un premio ao que ti te presentas. Colleunos de total sorpresa porque non o esperabamos. Recibímolo como algo moi bonito, con ilusión e con agradecemento aos que pensan que realmente fas algo polo fomento do galego. Moita alegría, moi contentos.

-O feito de que sexa un premio polo uso do galego faino máis importante para vostedes?

-Claro, porque é algo que levamos facendo dende o principio. Agora hai máis medios, pero hai vinte anos queríamos levar aos rapaces material en galego e non había, por exemplo, discos infantís. Nós gravamos, por aquel entón, "Canta connosco". Non había o material que hai hoxe. Afortunadamente, as cousas cambiaron moito ata o día de hoxe. Nós intentábamos discurrir, inventar, para que os rapaces utilizasen o galego. Queríamos que os nenos usasen a lingua nunhas actividades que fosen lúdicas, divertidas para eles. Foi unha cuestión que sempre estivo clara en Migallas.

-Que evolución notaron nos nenos denden entón?

-Foi a mellor no sentido de que hai máis material, todo o que antes non había. Ademais, hai unha concienciación. Cando eu era pequena, a xente emigraba e aos nenos pasábanlle o testigo do castelán para que non se atopasen con problemas. Agora se tomou conciencia de que o feito de falar galego é unha ferramenta máis para aprender o maior número posible de idiomas, porque cantos máis se falen, mellor.

-Migallas asóciase aos nenos, pero tamén se dirixe a un público familiar...

-Temos espectáculos que tiran máis cara o infantil, outros que se dirixen máis aos adultos e outros ao público familiar. O que queremos é que todos os que veñen a vernos, un neno, un avó, unha tía... que o pasen ben, que se divirtan. O importante é que todos podan participar. Moitas compañías non poden permitirse facer espectáculos para diferentes tipos de públicos, por iso o fan para o familiar.

-En que traballa agora Migallas?

-Estamos co disco para adultos "Zaragallada". Estamos levándoo en pequeno formato a institutos, concellos e demais. En maior formato para concertos. Tamén estamos coas nosas cousas de sempre: "Á procura do tesouro", obradoiros, montaxes, creacións, "Pan de Millo"...

-"Pan de Millo" foi un dos seus traballos máis exitosos...

-Si, do libro-disco saíron varios espectáculos. Estamos moi contentos. Vai pola terceira edición. Sigue tendo moi boa acollida.

-Volverán estar este ano no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra?

-Si, algo faremos por alí. Estaremos con sesión de contacontos e cun espectáculo que temos aí para facer.

Compartir el artículo

stats