Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís Davila: "O galego é o mellor medio para expresar o bo humor"

O artista estreará en abril en Vilagarcía o espectáculo "Menú da Noite", que realiza xunto a Carlos Blanco

Luís Davila. // R. Vázquez

Luis Davila comezou a facer viñetas diarias para FARO en 1998, que se manteñen ata o día de hoxe cun gran seguimento por parte do público. Deseñador gráfico pola escola de Artes e Oficios Pablo Picasso da Coruña, o artista buenense leva cada día aos lectores o humor con selo galego a través do Bichero, unha creación coa que confesa que se sinte totalmente identificado.

-Como foron estes días previos a recibir fisicamente o premio?

-Recibín moitas felicitacións da xente porque o feito de recibir un recoñecemento coma este sempre supón un recoñecemento extra dos lectores e dos que te rodean. A verdade é que foron días especiais.

-Serían poucos os que se sorprenderían...

-En realidade, todos me decían que é moi merecido. Sempre está ben que veña un recoñecemento oficial, que che dá moitos máis ánimos para continuar facéndoo, se cabe, mellor.

-Considérase un defensor do galego?

-Para min o galego é o mellor medio para expresar o bo humor. Defendelo é primordial. É a nosa maneira de identificarnos. A retranca, que é o que máis me identifica, non ten cabida se non é expresada en galego. Sería imposible de entendela. Eu, a morte co noso idioma (risos).

-Porque estas viñetas non serían entendidas se non foran en galego...

-Claro, non terían nin a metade de forza. Moitos xiros da nosa lingua e expresións humorísticas, expresadas noutro idioma non chegarían a ter ese punto humorístico que é o que trato de conseguir.

-Xa puxo a proba a xente de fóra coas súas viñetas?

-Moitas veces hai que explicarllas. Outras, simplemente xa se pillan pola situación. En ocasións son códigos máis nosos, máis galegos, pero penso que ao final, o feito de exportalo é doado dando unhas claves.

-Propuxéronlle algunha vez publicar os Bicheros en castelán?

-Non, non, porque iso non tería lóxica, perdería todo o sentido e desvirtuaría o traballo.

-Pensou en publicar historias máis longas que o Bichero?

-Si, a verdade é que teño ganas de coller a Dora a Desbrozadora e darlle unha páxina enteira. Estaría ben. Dá moito xogo. Quen che di que non podes facer un álbum de superheroínas galegas representadas por Dora e a súa bata.

-Cando debuxa mulleres con bata en quen se inspira?

-En moitísimas mulleres que fun coñecendo ao longo da vida. Mulleres que son capaces de levar unha casa, unha familia, atender ao traballo... É unha homenaxe a todas as mulleres, en particular ás galegas. Eu son de Bueu e está moi presente o matriarcado porque os homes estaban no mar e elas eran a cabeceira da casa. Fun collendo de diferentes mulleres que viña debuxando nas viñetas e xunteino todo en Dora a Desbrozadora, que quedou como personaxe máis recoñecible.

-Está preparando un novo espectáculo con Carlos Blanco...

-Si. É o Menú da Noite, que é unha volta de tuerca ao Menú do Día, que funcionou moi ben e que estivo en Londres e que en marzo nos levará a Edimburgo. Estamos a dar as últimas pinceladas ao Menú da Noite. Será máis de petiscos. Se o do día tiña uns platos moi diferenciados, neste caso haberá gags máis curtos e meteremos máis de picante. Estrearemos en abril en Vilagarcía.

Compartir el artículo

stats