Tal día coma onte de hai 179 anos nacía en Santiago de Compostela a escritora Rosalía de Castro, considerada, xunto con Eduardo Pondal e Curros Enríquez, unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego.

A efemérides foi celebrada en Pontevedra polas institucións, que quixeron lembrar a figura e obra da autora de "Cantares Gallegos". Os actos do Concello, tiveron lugar pola tarde na Casa da Luz, mentres que os da Deputación provincial, que por primeira vez se uníu á conmemoración do Día de Rosalía, se desenvolvían xa pola mañá no Sexto Edificio do Museo.

A sala na que se expoñen os sete cadros que Ovidio Murguía de Castro, fillo de Rosalía, pintara para a sala de fumadores do Pazo de Lourizán foi o escenario escollido pola Deputación para acoller unha lectura de poemas da precursora da poesía española moderna.

Carlos Valle, director do Museo, subliñou que o feito de que a homenaxe tivera lugar nesta institución non era casual. "Pouca xente sabe que o Padroado do Museo foi un dos impulsores do Padroado da Fundación Rosalía de Castro e da Casa Museo da autora, a Casa da Matanza", informou aos presentes.

Valle escolleu o poema "Negra Sombra" de Rosalía de Castro para iniciar o recital poético. El, ao igual que o resto de participantes nesta lectua, explicou que se decantara por estes versos "polo meu interés pola música vocal dende a miña nenez".

O momento no que a escritora pontevedresa Fina Casalderrey leu "Silencio!" foi un dos máis emocionantes do acto.

"Rosalía foi musa de poetas, de cantautores, de ensinantes", lembrou a membro da Real Academia Galega, que engadiu que a santiaguesa buscara no pobo galegofalante "esas palabras que ela non vía nos libros porque o galego, aínda que viviu un gran esplendor medieval, estivo silenciado, oculto". "O mérito dela aínda é máis grande, porque é como quen cura as ás dunha bolboreta", afirmou.

"Moito lle debemos a estas mulleres como Rosalía, que tomaron a palabra para mostrar outra maneira de ver o mundo", subliñou.

Fina Casalderrey recalcou o esforzo que Rosalía de Castro fixera por dar visibilidade aos sentimentos e á sabiduría das mulleres do seu tempo.

Pola súa banda, o deputado de Cultura, Xosé Leal, que leu o poema "Vaguedá", salientou que habería máis homenaxes a Rosalía dende a Deputación por ser unha autora "defensora e comprometida coa lingua galega". Así mesmo, reivindicou a súa figura como "poeta nacional".

Leal foi o encargado de ler o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, titulado "Rosalía libre e sen medo ningún" e escrito por Suso de Toro.

"Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida con verdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura", asegura o texto, que tamén subliña que a preocupación de Rosalía de Castro "nacía dun orgullo profundo de ser galega".

"Rosalía vivíu libre e campa aínda libre arredor de nós, é unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre", remata o manifesto.

No acto do Museo, participaron tamén, entre outros, os deputados Eva Vilaverde, Digna Rivas e Javier Dios e o vicereitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho. Tamén a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, que escolleu o poema "Xoia". "Escollino e non sei por que, e penso que iso precisamente é o bonito da poesía en moitas ocasión", xustificou.

Riveiro tamén estivo no acto que tivo lugar na Casa da Luz organizado polo Concello de Pontevedra, que dende hai anos se une á conmemoración da data de nacemento de Rosalía de Castro nun evento no que conta coa colaboración da AELG.

Tamén nesta ocasión tivo lugar unha lectura de textos da "máis grande escritora do noso país", como a definiu a concelleira de Cultura.

Participou o grupo de panderetieras Donaire e a lectura do manifesto foi realizada polo profesor e investigador pontevedrés Calros Solla, recentemente galardonado cun dos Premios Cidade de Pontevedra.

"Canta máis xente se sume, mellor. O importante é que se vexa Rosalía. Ten que estar por riba de todo", sinalou Riveiro.