A primeira edición en galego de "Historias de Compostela", de Xosé Filgueira Valverde, publicada por Alvarellos Editora e o consorcio de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi presentada onte no Museo de Pontevedra.

Trátase dunha das obras fundamentais de Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996). Foi en 1970, na editorial compostelá Bibliófilos Gallegos, cofundada en 1949 polo propio autor, onde estas crónicas viron a luz como libro. Os textos, orixinariamente en castelán, tiveron unha segunda edición, facsimilar e de peto, en 1982, baixo o selo de Edicións Xerais. Esta primeira edición en galego xorde ao abeiro da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado o pasado ano ao escritor pontevedrés.

O autor recolle neste libro unha gran parte dos seus coñecementos da antiga Compostela e das tradicións xacobeas a través de dezate crónicas. Organizado en catro partes, fai un repaso pola Compostela medieval; o Apóstolo Santiago e as súas tradicións; as festas de Compostela no Barroco; e o que el denomina Varia Lección, na que recompila e comenta diversas referencias literarias ao Camiño, ao Apóstolo ou á propia cidade de Santiago. Así, están presentes as viaxes do xastre Guillermo Manier en 1726 e do Duque de Toscana Cosme III de Médicis en 1669. É na última parte onde o escritor afirma que "la mención de un peregrino extranjero, un griego, aparece por primera vez, según creo, en la Historia Silense, escrita a comienzos del XII, con referencia a un sucedido del año 1064, la toma de Coímbra por Fernando I".