O Concello, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Maio Longo colaboran para celebrar o mércores, 24 de febreiro, o Día de Rosalía. Está previsto un acto con música e lecturas de texto da escritora galega na Casa da Luz, a partir das 19.00 horas, coa actuación do grupo de cantareiras Adonairare, a lectura de textos de Rosalía de Castro por representantes de diversos sectores da sociedade pontevedresa, e lectura do manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

Este acto central chega despois da actividades organizadas por centros educativos e asociacións que celebran a data. Pola súa parte, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega promoveu unha acción colectiva a través dos centros de ensino, con propostas para educación infantil e primaria, e educación secundaria e bacharelato. Propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que os rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. O envío farase o propio día 24 de febreiro.

Para educación secundaria o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía.