Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís Davila: "Se consigo que o lector reflexione cunha viñeta, xa é o máis"

O artista confesa a súa debilidade polo micromundo do rural galego

Luís Davila. // Rafa Vázquez

Luís Davila comezou a facer viñetas diarias para FARO en 1998, unha proposta que nos seus inicios vía como un imposible e coa que agora confesa estar moi a gusto.

-Que supón este premio?

-Foi toda unha sorpresa. Estou moi agradecido porque son varios anos xa e para un este tipo de recoñecementos sempre son un pracer.

-Como fai para crear cada día unha viñeta?

-Si, é complexo (risos), pero tamén colles algo de "callo" despois de sentarte todos os días diante do papel en branco. En realidade, trátase de estar pendente da actualidade, tanto das propias noticias como do que fala a xente. É a actualidade no seu aspecto máis amplo.

-De que depende de que trate dun tema político ou doutro máis social?

-Forma parte un pouco do proceso. Ás veces préstache falar do tema do día e outros da idiosincrasia dos galegos. Gústame apoiarme moito no micromundo do rural galego.

-Imaxínase facendo un humor diferente a este tan galego das mulleres co mandilón?

-Ás veces moitas viñetas son moi entendibles e outras procuro mesturalas con temas do cine, como os personaxes da Guerra das Galaxias... complemento a viñeta. Un día pode ser un chiste de política, outro un chiste absurdo. Trato de abarcar moitas maneiras de plantexar o humor, de non limitalo.

-Que ocorre cando se pon diante do papel e non sae nada?

-Claro, claro, iso é inevitable, pero para iso os debuxantes temos as "neveiras", para tirar delas cando non hai ideas. Pero pronto se acaban e hai que improvisar outras. Cando o día se presenta duro, non queda outra que sacar un chiste de onde sexa. Sacar un riso á xente pola mañá xa é un éxito. Se aínda por riba é unha gargallada, mellor. Se consigo que o lector reflexione coa viñeta, xa é o máis.

-De que xeito lle beneficiaron as redes sociais?

-Moitísimo, son unha ferramenta de comunicación bestial. Contando con que os lectores teñan o hábito de ver as viñetas no FARO e haxa un seguimento en internet, poden chegar comentarios, como me teñen chegado, da Arxentina, por exemplo, de xente que está emigrada.

-Xa ten clara a viñeta de mañá (por hoxe)? Vai facer alusión ao premio?

-A verdade é que non me gusta moito falar sobre min, só o fixen cando naceron os dous fillos, pero podería ser (risos).

-Todo artista ten unha etapa?

-Estou moi a gusto facendo a viñeta. Mentras vaia saíndo fluida, penso que continuarei facéndoa.

Compartir el artículo

stats