O humorista gráfico Luís Davila e Migallas Teatro veñen de gañar os Premios Xoán Manuel Pintos 2016. Os galardóns, convocados polo Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingual (REAL), celébranse coa fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso da lingua galega, así como manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, un dos pioneiros no compromiso coa defensa do idioma.

Luís Davila, autor de O Bichero e colaborador diario de Faro de Vigo, foi premiado pola "enorme capacidade de comunicación do seu traballo, que consegue achegar a lingua galega de maneira normalizada a todos os ámbitos sociais e ao público de todas as idades", segundo anunciou o xurado.

Pola súa banda, Migallas Teatro foi galardoado "polo seu compromiso coa lingua e un longo percorrido de máis de vinte anos de traballo incansable".

Os premios entregaranse o 26 de febreiro de 2016 no Pazo de Mugartegui ás 21 horas.