O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, e os membros do equipo de goberno analizaron a situación creada polo recente accidente ocorrido na estrada que comunica Laxoso con Augasantas, no municipio limítrofe de Cotobade, e non descarta respaldar as mobilizacións que reclaman os veciños para esixir á Xunta a mellora deste vial que une a ámbolos dous concellos e que, orzamentadas en dous millóns de euros, seguen aparcadas no caixón da Consellería.

Díaz Sobral amosou a súa preocupación pola falla de resposta por parte da Consellería ás reiteradas solicitudes de entrevista para abordar este tema. "A última que lle enviamos, por escrito, foi hai máis de dous meses e seguimos agardando que nos dean unha resposta ou nos convoquen a unha xuntanza para afrontar un problema que se ve ás clara que pode empeorar e incluso custar algunha vida humana", sinalou o alcalde.

O último episodio desta histórica reivindicación destaouse a raíz do accidente sufrido o pasado domingo por unha moza que se saiu co seu automóbil da calzada nun tramo excesivamente estreito e que a piques estivo de ter maiores consecuencias, agravado pola tardanza de máis dunha hora en chegar os bombeiros desde Bueu para intervir no rescate da accidentada.

Andrés Díaz recolleu en persoa as mostras de protesta e indignación veciñal vividas o domingo en Laxoso de Arriba tras o accidente onde un bo número de veciños e veciñas que se achegaron ata o lugar do sinistro pedíanlle ao alcalde que liderase unha serie de "mobilizacións activas" co fin de esixirlle á Xunta de Galicia a mellora da estrada de Augasantas (PO-234), unha vella reivindicación da seguridade vial dos residentes nesta zona e que pese a diferentes estudios e proxectos redactados segue sin ser unha realidade.

Os veciños argumentaron a necesidade de transforma-las súas continuas e constantes peticións en "mobilizacións activas" debido á falla de interese e resposta a esta reivindicación por parte da Xunta de Galicia. "Non van arranxar esta estrada ata que non ocorra unha desgraza grave ou haxa mortos porque estamos cansos de sustos diarios que calquera día van acabar mal. Esta estrada é moi estreita e con moitas curvas sin visibilidade e non se pode circular por ela porque cando pasa un camión, e pasan moitos sobre todo madeireiros, e non hai onde meterse. Cun autobús sucede o mesmo. Ou están moi atento e coñeces ben o lugar ou pode pasar unha desgraza", sinalaron varios veciños.

Díaz reiteroulles que era unha prioridade do seu goberno conseguir que se poña en marcha cantos ants a mellora da estrada PO-234.