Adolfo Caamaño recibiu esta fin de semana o Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación Pedrón de Ouro, un recoñecemento que ven a sumarse ó galardón Murguía que recolleu fai escasos meses, un bo refacho que fai que o xa consolidado autor se sinta "moi ben, a verdade", recoñece sorrindo, "síntome recompensado polo esforzo que fas e recoñecido tamén, porque a verdade é que son dous premios prestixiosos no ámbito da literatura galega no xénero da narrativa breve".

-Afirma que lle gustan especialmente os xurados profesionais dos dous galardóns e os seus predecesores como premiados.

-Si, son xurados moi profesionais e ademáis destaco a xente que gañou estes premios nos últimos años, e hai que ter en conta que o Modesto Figueiredo é o máis antigo que hai na Galiza, con 41 años, e gañouno Ferrín, Darío Xoan Cabana, Antón Riveiro Coello, moita xente moi boa, e o mesmo co Murguía, xente moi importante.

-Como son as obras coas que gañou?

-En realidade son duas obras distintas, unha está contada en terceira persoa e outra está contada a tres voces, en primeira persoa, pero son dous trhillers baseados en asasinatos. Un é un asasinato inventado e ambientado no barrio do Pombal compostelá a finais dos anos setenta e principios dos oitenta, nese ambiente de comenzos da transición, describe ese mundo cutre de aqueles momentos. E o outro está inspirado en dous sucesos que ocorreron na comarca do Salnés, dous asasinatos de mulleres dos anos 50 e 60 e que eu coñecín dende neno, foi algo que circulou moito na miña aldea en Barro e contabase de boca en boca e cheguei a coñecer ós fillos e incluso cando saiu da cadea a un dos asasinos.

-A maldade é fascinante nas novelas e moi cutre na realidade?

-A maldade si tiveramos oportunidade de circunscribila ó ambito creativo e non sucedera na realidade sería unha maravilla, pero en realidade é algo que está en nós en moitos aspectos e a educación moitas veces non cambia ese sentimento interior que as veces se pon en nós e nos leva a cometer cousas terribles ou pequenas maldades. De todolos xeitos penso que todos somos un pouco Jekyll e Hyde de nós mesmos, ninguén é perfectamente bo ou malo, apelo ós culebróns televisivos, onde o malo ás veces fai unha cousa boa e nos quedamos alucinados con eso e o bo fai unha cousa mala e tamén nos sorprende.

-Ten algunhas persoaxes favoritas?

-Nunca pensei eu niso, teño persoaxes moi variados pero realmente sempre me chamaron a atención as persoaxes eivadas, con coitas físicas e con coitas sobre todo psicolóxicas, as persoaxes que sofren a historia; creo que na miña obra hai máis destes pequenos heroes, que son en realidade antiheroes, que son os que padecen a historia.

-Porque tanto os protagonistas das novelas como os seus destinatarios finalis, é dicir os lectores, son (somos) máis perdedores que gañadores.

-Si, os lectores somos os que complementamos o que os escritores din, ou insinuamos, coa nosa lectura ou coas nosas persoaxes; os lectores somos todos perdedores á hora da verdade e os protagonistas tamén, porque en realidade non inventamos persoaxes que non sintan e lles pasen as mesmas cousas que lle pasan á xente normal. Os temas da literatura son os de sempre, o amor, u odio, a cobiza, a vinganza, esas cousas que sempre están ahí.

-En qué traballa agora?

-Estou traballando en varias novelas á vez, eu escribo moitas veces á vez, novela, poesía, en fin, traballo prácticamente todos os días menos en vacacións, e agora estou traballando nun par de novelas, unha ambientada na I Guerra Mundial, xa hai tempo que estou con ela, e outra que está ambientada nun cadro que chegou ás miñas mans dunha rapaza xudea que o pintou estando en Auschwitz e estoulle seguindo a pista a esa obra.

-A vostede gústalle a arte...

-Si, moito, eu son especialista en Historia da Arte e teño moi bos amigos pintores; non son un comprador porque non teño opcións a iso pero os meus amigos pintores sempre me agasallaron con parte da súa obra, que é a que teño aquí (a entrevista faise no seu domicilio), na miña paisaxe interior da miña casa coa miña compañeira.

-Cando se iniciou como escritor?

-Empecei xa no colexio, de rapaz, cando tiña 10 ou 11 anos; eran traballos creativos, dos profesores que tiña daquela, e onde primeiro publiquei foi no instituto A Xunqueira, na revista do centro, alí publiquei o meu primeiro poema.

-Hoxe é escritor e tamén profesor. Inspiranlle os seus alumnos?

-Si, eu sobre todo quería agradecer a todos os meus amigos, a moita xente, pero en especial ós meus alumnos, ós seus pais, ós meus compañeiros no centro e na dirección o apoio que sempre me deron para a miña actividade literaria e que estes días sentín moito. Os meus alumnos claro que son unha fonte de inspiración, eu ensínolles cousas, pero aprendo mais deles e estoulles moi agradecido de que de algunha maneira me permitisen convivir con eles e que aprendesen algo de min, porque eu de eles moito.

-Existen realmente nos ninis ou do que falamos é de xentes sin oportunidades?

-O fracaso dun rapaz nunha escola dun pais que nos consideramos dos primeiros do mundo, o fracaso dun rapaz nesas circunstancias é un fracaso colectivo. O nini non o é só por él mesmo, en realidade se non lle interesou como queremos educalo moito máis é culpa nosa, porque ó final o rapaz é unha especie de folla en branco sobre a que nós escribimos na súa conciencia, no seu espíritu, na súa alma, valores e educacións que ó mellor non lle chegan. Eu vexo de todo, moito rapaz feliz pero tamén algúns que sendo felices levan unha tristura que é o peso dos tempos que vivimos, os pais, a sociedade, o non futuro, que está ahí presente e eles non saben como afrontar, e é unha realidade que temos xeracións moi preparadas que non ven posibilidades de futuro.

-Que lle parece a literatura galega que se fai hoxe?

-É a gran pregunta, en canto a variedade de obras, a multitude de perspectivas que teñen os distintos autores actuais, os xéneros que se tratan, a maneira de tratalos, a técnica coa que a maior parte dos escritores traballan fai que hoxe sexa o mellor momento da literatura galega dos últimos anos. No obstante, sendo o mellor momento da literatura galega os lectores casi non a acollen, tamén porque en Galicia os datos que temos de consumo cultural falan de que somos dos pobos de España ós que menos lles interesa a cultura, e eso evidentemente afecta á literatura, que esixe un esforzo porque non é o mesmo que sentarse a ver unha película, sofreo moito.

-E a maiores está a traxedia da lingua.

-Eso xa sería a guinda que coroa un pastel que ninguén quere comer, pero hai que cuestionarse eso; realmente escribir en galego hoxe en día é sentirse un pouco en Mohicania, vemos ós rapaces que van abandoando o galego, que non podemos competir co entramado sociocultural que opera en contra da nosa lingua.