A asociación Queremos Galego organiza mañá sábado as 19 horas no Museo Manuel Torres un recital poético co que pretenden dar a coñecer algúns dos novos valores da poesía galega.

Contarán coa presencia de cinco poetas: Rexina Vega é doutora en Filoloxía Románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro, autor sobre o que publicou numerosos artigos e estudos monográficos. Daniel Piñón Peón "Targus" publicou en 2012 o seu primeiro libro de poemas "Bailando nos charcos" e este ano verá a luz o seu segundo libro "Inferno". Alexander Vórtice é un poeta, columnista e escritor pontevedrés que xa ten cinco obras poéticas publicadas.

Amelia Do Val comezou a escribir aos 11 anos en revistas escolares gañando diversos premios. Malia deixar de escribir cando chega ós 18 anos, no 2013 retoma a súa paixón e gaña varios premios. Leonardo Fernández Campos, máis coñecido como "O Leo i Arremecághona", é un artista polifacético, filólogo. cantautor e poeta. Tamén ofrecerá un concerto.