Un repertorio específico no que se alternan distintos músicos que colaboran nun espectáculo único e irrepetible que rinde homenaxe á lusofonía. É, un ano máis, a proposta de Cantos na Maré, festival que contará esta noite con Alceu Valença, Jorge Palma, Thaïs Morell, Karyna Gomes, Fran Pérez NARF e Uxía.

Principiará ás 21 horas e tras dun ano de paro Cantos na Maré regresa "con máis forza que nunca", suliñan os seus reponsables.

Éstes felicitabanse onte porque se esgotaron todas as entradas, proba de que "o festival conta con unha comunidade de seguidores fieis".

O primeiro anticipo de Cantos na Maré foi onte o encontro que mantivo Karyna Gomes, considerada a gran revelación da música da África lusófona, cun cento de escolares de Primaria.

Xa pola noite, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, interviu na presentación da actividade "O idioma é a chave coa que abrimos o mundo", outro dos actos previos ó festival da lusofonía e que deu paso á entrevista que o xornalista Suso Iglesias lle realizou ó rockeiro portugués Jorge Palma.

Tras estes anticipos o Pazo será escenario a partires das 21 horas dunha nova entrega de Cantos na Maré.

Os seus responsables indican que "cada edición supón unha nova ilusión por poder mesturar artistas consagrados con novos descubrimentos e que os días de convivencia sirvan para que músicos tan singulares e diversos creen xuntos".

Especialmente, congratulase de ter xuntos por primeira vez actuando en Galicia ao portugués Jorge Palma e ao brasileiro Alceu Valença.

"Jorge Palma é un dos piares do rock no seu país, que marcou a toda unha xeración de artistas", lembran, mentras que Alceu Valença "sempre foi un transgresor. Érao cando subiu por primeira vez a un escenario con 4 anos e continúa a selo agora, cando segue ensanchando os marcos dos sons nordestinos. O maracatu, o frevo, os caboclinhos, o baião ou a toada son algúns dos ritmos do seu Pernambuco natal, que reinventou pasándoos polo son eléctrico do pop e o rock".

Cos dous veteranos, estarán revelacións recentes da música lusófona como a citada Karyna Gomes, que recibiu o aplauso unánime da crítica e o público co seu primeiro disco, ou Thaïs Morell e seu "intenso e delicado" directo.