O CPI Toural de Vilaboa acolleu onte o segundo obradoiro de educación en valores do proxecto "Cooperación Galega: O Mundo que queremos", no que o alumnado puido descubrir o interesante mundo da radio e a fotografía e como utilizalos para expresarse, denunciar e sensibilizar ao seu ámbito máis próximo sobre aqueles temas que lles preocupan e a responsabilidade que todas e todos temos na construción dun mundo máis xusto e equitativo.

Deste xeito, o alumnado participante aprendeu con exemplos que viraron en torno a temáticas sociais e solidarias, os xéneros radiofónicos que existen, como crear un programa de radio dende cero, así como algúns consellos para mellorar a calidade das súas imaxes. Ademais tiveron a oportunidade de facer prácticas 'in situ' coa axuda dunha mesa de son e unha cámara fotográfica profesional, reforzando o proceso de aprendizaxe e facendo máis ameno o taller.

Óscar Vázquez, responsable do obradoiro de fotografía sinalou que "o que se pretende é facer chegar ás rapazas e rapaces outras posibilidades e visións, tanto de aquí como de fóra. Conseguir que reflexionen sobre elo, que se cuestionen o porqué das cousas. Por suposto, que se expresen, no meu caso a través da fotografía, e nós escoitalos. É básico neste proxecto escoitar aos e as adolescentes. O obxectivo final do meu taller é que con esas imaxes creen unha mensaxe e que crean nela".

Tras os obradoiros o alumnado participante terá que crear os seus propios proxectos radiofónicos e fotográficos.

O proxecto

"Cooperación Galega: O mundo que queremos" é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa 'Plan Proxecta', impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta iniciativa, enmarcada dentro do paradigma da educación para o desenvolvemento como unha poderosa ferramenta para promover valores e actitudes comprometidos coa loita contra a pobreza e a desigualdade social, pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as desigualdades locais e globais, concienciando e implicando ás novas xeracións na necesidade de dar un paso adiante e construír un mundo mellor e máis xusto para todas e todos, e utilizando para iso o potencial educativo da comunicación (podcast, imaxes, música e teatro) como medio para sensibilizar e transformar.

Ademais do CPI Toural de Vilaboa, catro centros de Educación Secundaria (IES Urbano Lugrís e IES Fernando Wirtz de A Coruña, o IES Isidro Parga Pondal de Carballo e o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis) están inscritos nesta terceira edición na que participan 512 alumnos e 14 profesores.