Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Calros Solla: "O meu hábitat é o rural, onde se pode recuperar a cultura galega en estado puro"

O investigador é un dos candidatos aos Premios Cidade de Pontevedra

O profesor, etnógrafo e escritor Calros Solla. // Gustavo Santos

Calros Solla (Pontevedra, 1971) foi proposto pola Asociación Vaipolorío aos Premios Cidade de Pontevedra. O profesor, etnógrafo e escritor está relacionado coa Asociación Ecoloxista Verbo Xido, o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e o Instituto Galego de Estudos Celtas. Foi premiado en varias ocasións pola súa obra poética.

-Foi unha sorpresa esta candidatura?

-Bueno, para poder optar a este premio, un ten que dar o visto e prace. Creo que está así establecido. Non sei se son merecente do premio ou non, pero dende o momento en que fun proposto para esta candidatura pola asociación Vaipolorío para min foi un orgullo. Tanto pola amizade con Vaipolorío como pola admiración que teño por eles como asociación porque son un modelo de civismo, colectivismo e convivencia na cidade de Pontevedra. Simplemente polo feito de ser proposto por eles, para min xa colma todas as miñas expectativas.

-Cómo se forxou esa relación?

-Por riba de todo, hai unha relación de amizade, pero tamén de colaboración dende hai xa uns anos. Se nos remontamos ao que é estrictamente o traballo en prol da recuperación multidisciplinar do río dos Gafos tería que facelo ao ano 2005. Entón comezamos a facer o traballo de recolla da microtoponimia do río. Realizouse sempre na compaña dos voluntarios da asociación, o que fai que se estreite a relación e se afonde máis na amizade. Foi un traballo moi oportuno porque hai pouco a asociación editou un CD con gravacións de informantes e testemuños orais de toda aquela xente que nos axudou e que, por desgraza, moitos deles xa non están entre nós. Ese traballo materializouse nun libro: "Andar primeiro de río". Ademais da toponimia, fíxose unha recolla de cantigas, refráns, adiviñanzas, fraseoloxía, lendas... que están relacionados co río dos Gafos en particular e cos ríos galegos en xeral. Vaipolorío non se adica só a limpar o río. Publicaron un libro sobre aves, está en proxecto un libro sobre flora, fauna insectívora... É un dos ríos máis estudados do planeta.

-Unha preocupación que chega dende a cidadanía...

-Unha cidade que non ten río clama polo río. Hai xente que envexa ás cidades polos que transcurre un río. Pontevedra ten dous e un deles non está nunhas condicións óptimas. A culpa é de moitos. Culpables somos moitos. Quizais por iso o problema é tan difícil de resolver. E xa non me vou meter no asunto de como se pode resolver esa canalización de fecais que vai en paralelo ao río porque son moitos os responsables. O río Gafos era a cara B de Pontevedra, era o río esquecido. E Vaipolorío devolveulle a categoría de río. Devolveulle a presenza. Hai cousas por facer? Dende logo. Unha delas, alén desa condución de augas fecais, está o feito de devolvelo á luz.

-Plantéxase sempre, pero segue sen executarse...

-Agora temos a pexa da cuestión económica, da crise, pero eu penso que antes ou despois a vontade política acabará por facer realidade esa aspiración da cidadanía.

-O feito de tapar un río non foi un atrevimento demasiado grande?

-No ano 1933, durante a República, o militar Bermúdez de Castro propuxo un plan de saneamento e urbanización da veiga de Campolongo. Dende logo, os seus plantexamentos eran absolutamente adiantados porque o que dicía era que se temos un río había que engadirlle unhas pontes de pedra porque é un xardín botánico ofrecido de balde pola natureza que Pontevedra e os pontevedreses deberan aproveitar. Entre o que propuxo el ao que despois se fixo, este polígono de vivendas franquista, hai unha galaxia. Foi unha desas oportunidades perdidas, como o da enseada de Lourizán. Nos 60 reviróusenos o sentido de tal xeito que convertemos Campolongo no que se converteu hoxe en día e a ría no que hoxe en día é.

-Que pensa a xente de entón do trato que se lle deu ao río?

-Esa xente non é só que tivese unha opinión positiva do río, é que o río era a súa vida. Na beira do río estaban os muiños aos que eles ían moer. E con esa fariña facíase o pan noso de cada día. O río para a xente do rural pontevedrés era unha cuestión absolutamente vital. Para os da zona urbana, o río era o da súa infancia. Nel íanse bañar, pescar unhas troitas, procurar o elemento vexetal para construir os maios. Os pontevedreses que agora teñen sesenta, setenta ou oitenta anos lembran o río Gafos como o seu río, no que foron pasear, namorar, no que xogaron...

-A súa vida xira arredor da etnografía, a docencia, a poesía... onde se sinte máis cómodo?

-Eu preciso de todos estes elementos para poder sobrevivir, non cabe dúbida. Como profesor, síntome na obriga de non defraudar aos meus alumnos, polo que a formación debe ser continua. Así é que estas incursións na etnografía son necesarias, porque nos temos que ir cun discurso crible, renovado, ás aulas. Isto é fundamental. Calquera docente non debería descoidar nunca a formación constante. Pero eu son unha cabra, e a cabra tira ao monte. O meu hábitat é o monte, o rural, porque é nel onde aínda se mantén e aínda se pode recuperar o que foi a cultura galega en estado puro. Aínda ao socairo dos novos ventos da modernidade e da globalidade, que todo o esvae.

-Está en extinción a nosa cultura?

-Hai estudosos que din que iso non é proocupante, que uns tempos traen outros. Pero eu digo que urxe recuperar as tradicións, o xeito de pensar, de falar... dos nosos pais, avós, porque eles nos transmitiron un xeito de ver o mundo, unha achega cultural que se mantiña inamovible dende a Idade Media, unha maneira de estar na terra e interaccionar coa natureza.Penso que debemos ser quen de extraer a ensinanza necesaria para corrixir moitos dos erros que a modernidade comete na súa interacción coa natureza. Os verdadeiros ecoloxistas son os nosos labregos, os nosos gandeiros, e temos que tirar proveito da súa ensinanza.

-Fala tamén da lingua?

-Que sería do pobo galego sen a súa lingua? Non sería absolutamente nada, e non porque o dixera Castelao. El labrou en mármore unha verdade incontestable. Somos un pobo diferente e diferenciado grazas á lingua. Non cabe dúbida. E deberíamos ser intelixentes tamén nese sentido, porque a lingua galega é fonte de riqueza e penso que a autoridade competente, á que lle corresponde lexislar en prol dela, tendenciosamente está esquecendo que esa defensa é un niño de posibilidades de desenvolvemento económico que se está obviando.

-Unha lingua que vostede usa na súa obra poética, premiada en varias ocasións...

-Cando un recibe un premio faino con orgullo, con ledicia. Eu o que fago, na medida das miñas posibilidades, é traballar polo meu país e pola miña lingua, con ou sen premios.Se veñen, benvidos sexan, pois serán unha excusa para ir de viños cos amigos (risos).

Compartir el artículo

stats