A Asociación Queremos Galego Marín celebra hoxe, na biblioteca de Marín e a partir das 20.00 horas, unha nova actividade relacionada coa recuperación das tradicións culturais do país. Trátase do Cantar de Reis ou Cantar de Nadal.

O acto comezará coa actuación dun grupo de rapazas e rapaces do Sequelo quen cantarán unhas panxoliñas. A seguir, para explicar o que son os cantos de reis, a súa historia e como se está a recuperar contarán coa presenza de Guillerme Ignacio Costa e Enriqueta "Queta" Molas.

Guillerme Ignacio Costa é profesor, músico (membro do grupo Quempallou) e investigador da tradición musical. Falará da tradición dos cantos de reis na Galiza, poñendo especial atención aos cantos no Morrazo, dos que é un gran coñecedor. Enriqueta Molas, gran coñecedora das tradicións marinenses, lembrará como se cantaba no Nadal na vila de Marín.