Arredor de 150 persoas, entre adultos e bebés, participarán no obradoiro Arrolos de Salitre para aprender cantos de berce tradicionais da man dos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

Os obradoiros comeza hoxe naCasa Azul con dous grupos, ás 11 e ás 12.30 horas, e rematará o día 19 nas mesmas quendas horarias.

Ao longo das dúas sesións, sinala a organización, as familias aprenderán a cantar arrolos tradicionais adaptándoos ás características de cada familia.

Xabier Díaz explicará a función que teñen os cantos de berce na crianza dos bebés. O músico e investigador foi compilando os arrolos que aprendeu nas súas xeiras de recollida de cancións tradicionais. Estes cantos de berce son unha mostra do riquísimo patrimonio que transmite a nosa lingua e recollen séculos de creación e transmisión oral de nais e pais a fillos e fillas.

As mismas fontes lembran que os cantos de arrolo "xogan un papel fundamental para a crianza do bebé xa que a música axuda a desenvolver aspectos como os sons da fala, o ritmo ou a coordinación, ademais de contribuír a establecer e afianzar os lazos afectivos entre os bebés e quen lles canta".

Estes obradoiros adicados ós arrolos pechan a programación de actividades para o outono que a Concellaría de Normalización Lingüística ofrece dentro do programa Apego.

As actividades teñen como fin achegarlles aos pais e ás nais ferramentas que lles axuden a enriquecer o galego que lle transmiten aos fillos e ás fillas dentro da familia.

A Concellaría de Normalización Lingüística puxo á disposición das familias máis de cen prazas para coñecer recursos que faciliten a comunicación en galego tanto no seo das familias como nos espazos educativos. En Pontevedra sumáronse xa ao Apego máis de 80 familias desde que se presentou o proxecto e aínda é posible participar, a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello ou do formulario en apego.gal.