A cantante brasileira Thaïs Morell, a africana de Guinea Bissau Karyna Gomes e o dúo galego formado por Uxía e Narf (Fran Pérez) estarán na próxima edición de Cantos na Maré. O Festival Internacional da Lusofonía deu a coñecer onte no Culturgal os primeiros nomes do seu cartel para a súa cita do 16 de xaneiro no Pazo da Cultura.

"Estamos xa na edición número doce dun festival que pretende tender pontes. Pontevedra nos acolleu sempre moi ben dende os inicios. O que tratamos é de que todos os convidados se sintan como en casa, que sintan que chegan ao lugar onde naceu a súa lingua", asegurou Uxía, directora artística do proxecto.

"Para esta edición quixemos volver á lingua como eixo central, posto que en 2016 se lle adica o día das Letras Galegas a Manuel María, que no seu día dixo que o idioma é a chave coa que abrimos o mundo", sinalou.

As entradas para o Cantos na Maré poranse á venda a vindeira semana, cando se coñecerá o resto do cartel do festival.