Bichos e historias para un cartel do Salón do Libro que se traslada ao mes de abril

María Álvarez Hortas "Yupiyeyo" é a autora do deseño, inspirado no lema da edición deste ano, "Canta bichería!" -A presentación tivo lugar onte no marco do Culturgal

06.12.2015 | 04:21
María Álvarez Hortas, Ledicia Costas e Anxos Riveiro, acompañadas polo lobo Orbil. // Rafa Vázquez

O Culturgal foi onte o escenario no que se presentou o cartel da XVII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que este ano levará por título "Canta bichería!" e que, por primeira vez na súa historia, se celebrará no mes de abril.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, foi a encargada de conducir unha presentación na que non faltou o lobo Orbil, a mascota da cita coa lectura.

Logo de manifestar o seu agradecemento ao público, Riveiro convidou aos que aínda non coñecen o Salón do Libro a achegarse nesta nova edición, entre o 1 e o 23 de abril próximo. "É un proxecto fermosísimo que ten unha pretensión moi clara e sinxela, que é achegar a lectura a todos e todas, aos nenos e nenas. Un lugar onde ocorren cousas xeniais: milleiros de libros, teatro, ambientación e sobre todo o traballo dos centros de ensino que adican moitas horas a elaborar verdadeiras obras de arte", afirmou.

Un ano máis, a creadora do cartel foi elexida entre as propostas da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Trátase de María Álvarez Hortas "Yupiyeyo", a quen a concelleira agradeceu o seu "grandísimo traballo". Pola súa banda, a ilustradora, que naceu en Lugo pero vive en A Coruña e compaxina a ilustración co traballo como técnica audiovisual, manifestou a súa ledicia: "O Salón do Libro, polo seu peso e traxectoria, é un escaparate importantísimo no que amosar o meu traballo. Isto é un pequeno agasallo á miña familia e aos meus amigos, que me animan nesta carreira de fondo que é vivir da ilustración". Sobre o cartel, asegurou que escollera, en consonancia co lema do Salón deste ano, os bichos "porque me parecía interesante a idea dun micromundo dentro doutro mundo, e tamén a idea de xogar dentro do mundo dos libros. Por iso, os bichos están arredor dunha pila deles, xogando coma se foran de excursión".

No acto tamén interveu a escritora Ledicia Costas, que agradeceu a proposta que se lle fixo hai meses: escribir un libro para o Salón do Libro. A galardoada autora xa rematou "As peripecias de Extravaganzza Pérez", que verá a luz no mes de xaneiro.

"Para min foi un agasallo abrir esta xeira de Salóns do Libro que van a ter como punto central para construir a ambientación un libro. Cando os escritores nos poñemos cun traballo, métemonos na historia e para min foi foi especial saber que todo o mundo ía entrar realmente na miña historia, abrir ese mundo tan individual ao público grazas a ambientación do Salón. Era imposible dicir que non. Estou emocionada. Non sei se sabedes que o Salón do Libro de Pontevedra non ten nada que envexar a salóns de grandes cidades de España, e se o lema de Culturgal é Presume de Cultugal, creo que tamén temos que presumir de Salón do Libro", asegurou.

Tal e como desvelou Costas, "Extravaganzza, a protagonista da historia, é unha nena moi peculiar: primeiramente porque naceu con lentes, por mor dunha discapacidade visual moi grande que ela suple coa súa forza e valentía". "É, como non podía ser doutro xeito, unha amante dos animais e ten unha sensibilidade moi especial no trato con eles. A súa historia, non deixa de ser unha viaxe por ese mundo fantástico no que ela vive", engadiu.

Para pechar a presentación Anxos Riveiro salientou que "o proxecto está moi consolidado e precisa do cariño e da implicación de moitísima xente: os mestres son o motor, as compañías teatrais, vecinos, veciñas que colaboran..." "Está aquí xente que sacou este proxecto adiante no 1999: Luis Bará. Xente que xa non está, xente que o que quere é achegar aos nenos a lectura e a todo o que esta provoca neles".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine