Unha enciclopedia colaborativa en lingua galega aberta ás achegas de todo o mundo, con aceptación das diversas correntes de pensamento sempre que respeten ás outras. É a esencia de Galipedia, o nome co que se coñece a Wikipedia no noso idioma, que onte medrou un pouco máis coa axuda de 30 voluntarios que se reuniron no campus de Pontevedra.

Foi no wikimaratón que celebraron a Galipedia e a Academia Galega do Audiovisual e no que participaron trinta colaboradores procedentes de distintos puntos de Galicia, 25 deles presencialmente dende a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Entre todos ampliaron o número de entradas da Galipedia referidas ó sector audiovisual galego, achegando contidos sobre temas diversos coma o actor, director de cine e guionista Carlos Iglesias e a película Un franco, 14 pesetas que dirixiu e protagonizou; ou sobre a mesma Academia do Audiovisual.

"No inicio da xornada", suliñan os voceiros da Academia, "os responsables da enciclopedia galega en rede, Elisardo Juncal e Adrián Estévez, explicaron cal era a filosofía para ser editor na Galipedia e tamén os procedementos para facelo".

Os expertos sinalan que "trátase dun procedemento sinxelo, así que foi un cursillo acelerado sobre como editar para facilitarlles o traballo ós voluntarios".

De seguido, os participantes comezaron o traballo práctico "actualizando algunhas entradas e iniciando outras novas de nomes relacionados co sector audiovisual de Galicia", engaden as mismas fontes.

No wikimaratón tamén se acordou que a Academia Galega do Audiovisual irá progresivamente completando as entradas na Galipedia referidas ó sector.