A Asociación Queremos Galego Marín, dentro da súa sección "O Tiraverbas", presentará o mércores 4 de novembro o primeiro libro da escritora afincada no Morrazo Iria Collazo López, "Coma unha áncora". Este libro conta a historia dun naufraxio, ambientado en Moaña, con saltos tanto no tempo como no espazo.

Para este acto que se desenvolverá no Museo Manuel Torres a partir das 20.00 horas a Asociación Queremos Galego Marín contará coa presenza da escritora e de Francisco Castro, escritor e editor de Galaxia.

Iria Collazo López naceu en Barro en 1981, pero leva no Morrazo (primeiro en Moaña, agora en Cangas) desde os sete anos. As historias que lle contaron, que vive e que respira nestes dous lugares impregnan boa parte do que escribe. Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Vigo e titulouse co Premio Extraordinario Fin de Carreira. Exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no IES As Barxas, de Moaña. "Coma unha áncora" é a súa primeira obra literaria publicada.