O concelleiro de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou onte o programa Ponte a Europa! que pretende dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de Quinto e Sexto de Primaria. Ponte a Europa! tivo o pasado curso unha experiencia previa denominada Ponte a Londres! que resultou todo un éxito na comunidade escolar na que se desenvolveu. Nesta edición participan desde hoxe 22 alumnos do CEIP de Lérez, 38 de Xeve e 8 de Campañó, así como oito universitarios europeos estudantes de lingua galega, pertencentes a sete universidades, baixo a coordinación do poeta e filólogo pontevedrés Isaac Xubín, que onte participou desde Sheffield na presentación a través dunha videoconferencia.. As universidades son Oxford, Birmingham,Varsovia, Zadar, Berlín, Cork e Helsinki.

As distintas actividades do programa impulsarán o galego como lingua de comunicación entre o alumnado e axudarán aos nenos de Pontevedra a valorar a lingua galega como lingua de comunicación.

Os eixos centrais do programa serán o uso, a posta en valor e a difusión da lingua e cultura galega entre a mocidade e dende a mocidade; o coñecemento doutros lugares de Europa e o uso responsable e crítico da tecnoloxía, así como a construción colaborativa de contidos web e multimedia. O obxectivo xeral é a mellora da competencia lingüística do alumnado na lingua galega durante todo o proceso e a posta en valor do patrimonio cultural, inmaterial e dixital deses núcleos e así adiantar un paso máis no proceso de normalización lingüística.

Obxectivos específicos

Entre os obxectivos específicos atópase o uso do galego en todo o proceso, visibilizar usos do idioma en contextos e soportes de vangarda como internet, arte ou tendencias, a divulgación do patrimonio inmaterial e cotiá da vida no rural galego a través dos seus ollos e dos contidos que poidan crear, como elemento para a posta en valor da realidade que lles rodea.

Para acadalos traballarase ao longo de cinco meses con sesións nos centros educativos en horario escolar, onde se traballará en galego; un blog didáctico dirixido, como ferramenta con contidos que abranguen a divulgación de proxectos e propostas creativas galegas de tendencia; seguimento online das actividades durante os meses de duración do proxecto empregando como ferramenta o correo electrónico, e o blog; a elaboración dun documental que de conta do proceso de todo o proxecto e a tarefa creativa do alumnado.

A edición, documentación e actualización do blog comezará o 29 de xaneiro e continuará ata o remate da actividade. Ademais, haberá cinco sesións presenciais, guiadas por unha monitora.