Diante da reanudación das obras dos pantaláns no porto deportivo do Náutico, unha obra que foi rexeitada tanto pola cidadanía coma polas autoridades municipais polos seus efectos negativos sobre as praias de O Barco e Panadeira e que foi denunciada nos tribunais de xustiza pola Plataforma SOS Panadeira, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) quere facer pública a súa posición:

1.- Descoñecemos que razón pode levar a Portos de Galicia a prorrogar unha licenza de obra que, de acordo coa información recollida nos distintos medios de comunicación, tiña caducado o 31 de decembro pasado e que conta coa oposición da cidadanía e do propio Concello de Sanxenxo. En efecto, non se pode entender que desde Portos de Galicia se estea a primar o interese particular fronte ao interese xeral, socialmente máis xusto.

2.- A realización da citada obra vai repercutir negativamente no medio ambiente natural da zona, moi especialmente nas praias de O Barco e Panadeira, e na calidade de vida dos veciños e veciñas da zona que non só verán empeorar a calidade das augas polo previsíbel aumento de vertidos, senón que terán que sufrir unha nova ocupación dun espazo público, que lles pertence, para a satisfacción do interese duns poucos.

3.- Unha vez máis, como ocorre noutras zonas da Ría, a administración defende a destrución do medio ambiente e a calidade de vida da cidadanía en beneficio dunha capa social coa que, as máis das veces, comparte intereses particulares.

4.- Así as cousas, desde a APDR queremos expresar máis unha vez o noso absoluto apoio á "Plataforma SOS PANADEIRA" nas súas xustas reivindicacións de salvagarda do medio ambiente e do interese xeral, centradas hoxe na oposición á construción de novos pantaláns no porto. Ao tempo, esiximos a paralización cautelar das obras en tanto non haxa unha decisión xudicial ao respecto.

5.- Xa por último, facemos un chamamento á poboación da comarca para asistir o próximo sábado día 25 ás 12 horas á concentración convocada por SOS Panadeira.