O maxistrado da Sección Segunda da Audiencia Provincial, Xosé Xoán Barreiro Prado, e Anxos Sobriño, membro do equipo lingüístico deste tribunal, participaron onte no acto organizado pola Asociación Queremos Galego Marín que baixo o título "O galego na xustiza" espuxo a situación da lingua galega na administración de Xustiza.

Alí explicaron que malia seren galegos o 90 por cento dos xuíces, a lingua de Galicia é escasamente utilizada nos xulgados e tribunais galegos, "ata ficar practicamente na marxinalidade", o que se reflicte en que apenas o cinco por cento das resolucións xudiciais están redactadas neste idioma.