Un recital de música e poesía servirá de homenaxe ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e aos 150 anos de Cantares Gallegos, nun acto que organizará o Concello de Ponte Caldelas na Biblioteca Municipal, hoxe, a partir das 19:30 horas e de entrada libre para o público que desexe asistir.

O programa deseñado para esta celebración prevé a participación de usuarios da Biblioteca Municipal, que serán os encargados de ler en público unha escolma de poemas de Rosalía de Castro, así como estratos dalgunha das obras do dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

A nota musical correrá a cargo do profesor da Escola de Música Municipal e director da Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, Iván Gulías, quen interpretará diversas pezas de acompañamento á letura e de significado vencello rosaliano. O repertorio fará unha incursión polos temas musicados de Cantares Gallegos e amenizará esta velada poética.

Dentro dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, a Biblioteca Municipal de Ponte Caldelas realizará tamén unha mostra de carteis ilustrativos dos distintos homenaxeados en anos anteriores e que compoñen un elenco de destacados persoeiros do mundo da literatura do noso país.

Tamén se poñerán a disposición dos usuarios e visitantes da Biblioteca os volumes máis representativos da bibliografía de Roberto Vidal Bolaño.