Sempre crin que cando un problema é de difícil solución compre, é necesario, facer unha sosegada e obxectiva reflexión sobre os síntomas, o contexto e a xénese: errar en calquera delas lévanos a improvisación ou "artistada", a un inadecuado tratamento e posoloxía e a termos que enfrontar de novo con il á volta de pouco tempo. Está a acontecer ca cuestión ferro-marítimo-portuaria. De resultas da acción democrática, xusta e legal duns veciños dos Praceres abriuse un debate unidireccional e monologuista no que só nun senso apórtanse reflexións que, de forma mais o menos sutil, veñen en dicer que "O tren hai que salvalo, caiga que caiga". Parece que o Armagedón caera sobre nós si a Xustiza fai cumprir a Xustiza. Paradoxo de homes e mulleres de lei.

O argumento máximo parece irrefutabel: "o tren garante o desenvolvemento do Porto de Marín". Nego xa de primeiras a maior, o tren, coma tal, non garante nada de nada e aí están os dados -teimudos- para quen queira consultalos. É a propia Autoridade Portuaria na que nun gráfico sinxelo e ilustrativo da páxina 57 da "Memoria Anual 2011" do Porto de Marín acredita unhas variacións mínimas do tráfico portuario dende a inauguración no 2001 do famoso e polémico ferrocarril. Demostra con nidia claridade que a tendencia no decenio 2001-2011 o Porto esmorece e agosta lentamente, cunha evolución e tendencia incuestionablemente negativa.

Non pretendo eu dicer que o ferrocarril non sexa útil ou mesmo unha aposta de futuro interesante, mais basta xa de tomarlle o pelo a cidadanía cando os datos demostran que non foi o tren, e nunca mellor dito, a locomotora do porto. Compre facerse preguntas ante a evidencia (etioloxía): si o ferrocarril non beneficiou os tráficos portuarios, non xerou emprego... ¿por que se fixo?; ¿beneficiou ó conxunto da cidadanía que privatiza en ben do Estado un espazo colectivo?; ¿investiuse un capital escaso e torpemente -dende o punto de vista social e xudicial- para que o resultado final sexa un descenso dos tráficos do 3% cando no conxunto das Autoridades Portuarias do Estado o tráfico incrementouse entre o 3 e o 11%? ¿ou pola contra mantivo a situación nun "stand by" insoportable e beneficiou só intereses particulares?

Cuestiónese o razoamento mais, como compre, tamén con datos. Do contrario só poderemos afirmar que a "imprescindibilidade do ferrocarril a Marín" é unha desas ladaíñas que, asentadas no común, convértense en mitos de parte mais que en verdades de facto. Erraremos pois na análise e, xa que logo, na diagnose e no tratamento: non ou digo eu, o din -teimudos, desmitificadores- os datos.