Unha vez máis, o Club de Opinión Portocelo estivo á altura, nun momento tan importante como a efemérides de "Cantares Galegos", achegou ao público marinense a un personaxe capaz, seica como ninguén, de amosar a personalidade poética e creadora de Rosalía de Castro, se cadra, unha escritora moi descoñecida para a maioría dos que presumen de ser os máis rosalianos do mundo sen saber dela máis que o inicio do "Adeus ríos, adeus fontes..." ou un pouco máis, e créndose con dereito de arbolar a bandeira do "rosalinismo" aínda que só sexa para atizar co pau da mesma aos demais.

O mestre Anxo Angueira ofreceu unha conferencia maxistral sobre a autora e a súa obra na vertente de "Cantares Galegos", descubrindo no seu contido principalmente a intención de defensa da muller e a súa presenza na sociedade de fai século e medio na que estaba relegada á mínima expresión.

Angueira incidiu durante unha maxistral e ilustrada charla na que puxo a cadencia da súa voz á beira do seu propio corazón á hora de recitar algúns dos poemas de Rosalía, en descartar a sensación que sobrevoa a obra rosaliana a cuxa autora encasíllase frecuentemente como unha "chorona" no transcorrer da mesma. Confeso que, tendo sido un frecuente lector aínda que non moi asiduo desta obra, tamén caín moitas veces nesa sensación de negrura no seu contido. Nembargantes, tan só unha hora escoitando, case absorto, ao mestre Angueira, caín no meu erro ao descubrir valores reais por el sinalados no contido que a partir de agora rebuscarei con intención en cada un dos versos da nosa escritora máis apreciada.

Non me quedou ningunha dúbida de que a De Castro foi o xerme da incipiente liberación da muller galega nos seus dereitos naqueles nada doados momentos para elo e incluso nos actuais, nos que aínda se advirten claras diferenzas á baixa con respecto aos homes en moitos niveis da vida.

Unha conferencia como a de Angueira no "Club de Opinión Portocelo" é o mellor vehículo para coñecer a filosofía rosaliana e empezar a meditar sobre o seu contido e sobre o sagrado tesouro da súa intención para caer na conta de que en realidade, Rosalía de Castro, non foi bandeira de ninguén en concreto e por éso ninguén ten dereito a facer dela a súa bandeira, como adoita suceder.

Agradezo personal e sinceiramente a Anxo Angueira semellante lección coa que cae un na realidade de que nunca é tarde para aprender por moi vello que sexa, e tamén a "Portocelo" que segue abríndose paso no eido da gratuita aportación cultural por medio de debates, mesas redondas e conferencias de tanto nivel como a do maestro Angueira, quen de achegar con semellante carisma, a figura da nosa universal poetisa. Gracias, pois.