Cinebox Vialia acollerá nas vindeiras semanas, entre a súa programación cotián, cinema feito en Galicia e interpretado en galego. A última película de Ignacio Vilar, "Vilamor"; o galardoado filme de animación "Engurras", de Paco Roca; ou "Tamén a chuvia" de Icíar Bollaín, forman parte desta programación incluida no ciclo "Cine en galego", respaldado pola Concellería de Normalización Lingüística de Pontevedra.

Trátase dunha aposta por incluir as películas feitas na lingua de Galicia na carteleira habitual das salas, como explicou a xerente de Cinebox, Isabel Soto. Xunto ao concelleiro Demetrio Gómez, o director Ignacio Vilar, e dous dos intérpretes da súa última película, Sabela Arán e Xoel Yáñez, presentou onte este ciclo, que bota a andar hoxe, ás 19.45 horas, en Cinebox Vialia. Na estrea de "Vilamor" en Pontevedra estarán presentes algúns dos seus protagonistas. Os outros pases desta película serán, de luns a domingo, ás 17.15, 19.45, e 22.15 horas, así como os venres e sábados ás 00.40 horas.

Ademais de "Tamén a chuvia" e "Engurras", no mes de maio, o ciclo inclúe tamén a proxección no Teatro Principal das películas "Pa negre", Vikingland" e "A pedra do lobo", todas elas tamén en maio.

A película que hoxe abre o ciclo, "Vilamor", é unha historia de amor nunha comuna creada nos anos setenta nunha aldea dunha montaña de Lugo. Como explicou o seu director, Ignacio Vilar, a historia é moi actual hoxe en día, "porque eran momentos de cambio, nos que un grupo de mozos quería cambiar o mundo, o que ten que ver moito cos tempos que vivimos".