A cultura nada ten que ver coa docilidade do sectario e moito co espirito crítico de quen reverencia a liberdade. É un dos puntos de partida da “nova” asociación Amigos da Cultura, que despois de varios anos de inactividade retoma a súa andaina, ao frente da que se sitúa Domingos Antón García.

—Que busca ser Amigos da Cultura nesta nova andaina?

—É unha nova etapa efectivamente de Amigos da Cultura que inician persoas de diversas procedencias e idades, sobre todo xente nova, interesadas na cultura e tamén no lecer na nosa cidade, tamén nunha defensa clara do idioma pero na liña reintegracionista e en buscar unha sociedade alternativa ao capitalismo, ainda que desde as asociacións culturais ao mellor non é o máis axeitado porque habería que implicarse máis a nivel político pero faremos o que poidamos.

—Tamén insiste na conexión cos novos movementos sociais

—Si, Amigos da Cultura conectarase con eses novos movementos sociais alternativos que pasan pola defensa ecolóxica, o feminismo, a solidariedade internacional e o apoio ás loitas populares, ás loitas pola defensa do territorio e tamén defender o noso patrimonio histórico artístico. En xeral buscamos unha asociación plural e que trate de ser crítica, non ser contemporizadora, e que dalgunha maneira vaia contra esta cultura asimilacionista que nos está a invadir.

—Falta crítica desde a cultura?

—Penso que sí, que proliferan as asociacións culturais pero a maioría deles non teñen ningún obxectivo alternativo e falta pensamento crítico, son máis ben para entreterse. Por suposto hai algunhas de moita relevancia que tratan de dar a coñecer a cultura nos diversos campos, que fan debates de calado de economía, de estructuración social, de movementos políticos etc pero a maioría penso que son mesmo a veces para viaxar, que non está mal, pero penso que existe pouca crítica sobre como vivimos, como deberíamos vivir, os límites que ten o planeta, a miseria que está a pasar moita xente etc.

—Hoxe identificase cultura a lecer? Que e cultura?

—Efectivamente, hoxe identificase cultura a eso, ao lecer, de feito falase da “cultura do ocio”, pero habería que decir que cultura sería todo o que implica transformación da natureza, moita xente pensa que cultivar un xeranio non é cultura e sí que o é, moitos pensan que facer cultura e escribir unha novela, facer poesía e eso que chaman actividades do espírito, pero é que o espírito a fin de contas non é máis que unha propiedade que ten a maneira, o xeito que ten o noso corpo de expresarse e faino escribindo unha poesía pero tamén construindo un edificio ou roturando un campo. Entón eu penso que é importante que se distinga o que sería unha cultura de élites, moi especializada etc, pero sobre todo interesame que se distinga a cultura de masas da cultura popular e que non se confunda esta cultura popular coa cultura populista.

—A que chamamos cultura de masas e a que cultura popular e como ésta chega a ser populista?

—A cultura de masas sería aquela na que o que participa máis que ser activo é pasivo, consumidor, e dicir vai ao que lle botan, e a popular sería a que implica recuperar as tradicións pero por suposto non todas, non toda tradición é válida e hai algunhas que hai que eliminar, porque realmente para que algo se considere tradicional ten que contribuir ao que chamaríamos proceso civilizatorio, de xeito que hai tradicións que máis ben son hábitos ou costumes que non interesa para nada manter, que máis ben hai que suprimir. E logo a cultura populista é a pseudo popular, acude a unha serie de festas e feiras pero máis ben como consumidor e boa parte desas festas son gastronómicas, para pegarse unha larpeirada e estar cos amigos e esto está ben pero pouco ten que ver coa cultura. E esta asociación non busca esa cultura, busca outra que informe da realidade na que vivimos pero tamén unha cultura da que a xente poda tomar parte, máis participativa.