A paz e a desmilitarización será este ano o tema da terceira acción mundial da Marcha de Mulleres, un encontro que se repite cada 5 anos e que busca mostrar ao planeta a forza das mulleres, das organizacións e dos pobos cun símbolo: a idea de camiñar, de marchar, por un mundo diferente de persoas libres e iguais.

Neste 2010 as actividades programadas para Galicia concentraranse na cidade de Vigo, onde mañá se celebrarán actividades de divulgación, obradoiros etc.

Os actos conmemorativos comezaron o pasado día 8 e concluirán mañá cunha batería de actos nos que a guerra en Congo terá un protagonismo especial. Este conflicto armado representa para a Marcha Mundial de Mulleres o exemplo máis claro na actualidade da violencia contra a poboación civil.

Con todo, nos actos que celebrarán mañá os colectivos feministas tamén terán cabida os outros grandes temas nos que tamén traballa a Marcha de Mulleres: o ben común, loitando contra a privatización da natureza e dos servizos públicos, afirmando o principio de soberanía alimentaria e de dereitos como a saúde, educación ou a auga potabel; o acceso das mulleres ao traballo, á sanidade e á igualdade salarial nun mundo sin discriminacións; e o combate da violencia contra as mulleres.

As actividades celebraranse na praza da Princesa e na zona de Porto do Sol, onde a partires das 11 horas poderá contemplarse unha exposición adicada a esos campos de acción da Marcha de Mulleres.

No acto tamén participarán as "marchantas", bonecas xigantescas que simbolizan o camiño pola paz e a liberdade.

Ás 11.30 horas haberá un obradoiro sobre a paz e desmilitarización e unha hora máis tarde comezará un "Tribunal de Acusación" no que 17 voces poñerán nome e culpabeis á traxedia de Congo. Finalmente, actuará o grupo "Tanxedoras".