O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, fixo entrega onte dos diplomas dos Cursos de Formación Profesional organizados pola área de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios da entidade provincial en colaboración coa consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. O acto tivo lugar no Salón Nobre do Pazo provincial e a el asistiron unhas 250 persoas.

Os Cursos de Formación da Deputación son unha serie de accións formativas profesionais que se imparten co obxectivo de mellorar e perfeccionar a capacitación laboral de diferentes colectivos; neste caso os receptores foron: desempregados, inmigrantes extracomunitarios e emprendedores. Estas xornadas se enmarcan dentro dun conxunto de accións de formación para o emprego iniciadas conforme a Estratexia Europea de Emprego. O investimento provincial destinado a esta iniciativa ascende a preto de 550.000 euros. "A formación para o emprego constitúe unha vía fundamental para conseguir un incremento da competencia, da empregabilidade e das posibilidades de inserción laboral dos traballadores desocupados" comentou Louzán, quen considera que "a Deputación tivo sempre e seguirá tendo o deber moral de adoptar as medidas necesarias en pro da economía provincial".

Os cursos de formación

Durante o ano 2009 leváronse a cabo diferentes accións formativas axustadas ás necesidades do mercado de traballo da provincia. As pautas seguidas para a escolleita da temática dos cursos baseáronse nas demandas específicas das empresas da nosa provincia, e nas necesidades de promoción profesional e desenvolvemento persoal das propias persoas traballadoras. O total dos cursos suman 4.015 horas que estiveron repartidas en 17 cursos centrados en diferentes eidos laborais.

Deste xeito, as accións formativas destinadas a desempregados incluíron 10 áreas: electricista de edificios, informática de usuario, iniciación á rede Internet, formador ocupacional, inglés para a atención ó público, inglés aplicado á xestión comercial, e varias categorías adicadas as novas tecnoloxías.

Os cursos encamiñados ós inmigrantes extracomunitarios incluíron 5 eidos de formación tales como: empastador para a construción naval, empastados para a construción naval, soldador para a construción naval, adquisición de competencias socio-lingüísticas e adquisición de competencias socio-lingüísticas.

En canto as xornadas enfocadas ós emprendedores, impartíronse dous seminarios: un relacionado coa xeración, maduración e avaliación de ideas empresariais, e outro sobre a creación de empresas.

En total foron 17 cursos os que se impartiron ó longo do ano 2009. O cómputo final deixa unha participación duns 225 alumnos, dos cales 127 foron homes e 98 foron mulleres.