F.M. - PONTEVEDRA
Cando hai doce anos lle propuxeron trasladarse do seu Vigo natal a Pontevedra, para organizar o sindicato CIG na capital da provincia “non me apetecía nada”, confesa. Agora Rafael Iglesias recoñécese plenamente integrado na cidade do Lérez, onde acaba de renovar o seu mandato, e xa van catro, ao fronte da executiva comarcal do sindicato nacionalista.
– Un cuarto mandato como secretario comarcal da CIG. Cantos máis?
– Agardo e desexo que este sexa o último. Espero que despois deste mandato teña relevo. E que quede claro que continuar non é unha cuestión persoal, de amarrarse á cadeira. Incluso tiven a oportunidade o verán pasado de ir para a executiva galega, pero discutímolo aquí na comarca e decidimos que non, porque tal e como estamos neste momento, que non estamos sobrados de cargos veteranos, pois non era o máis convinte. Ademais como víamos que o 2010 ía ser duro, pois decidimos quedar como estamos. Conste que eu son partidario de que haxa renovación, porque é positivo e porque hai compañeiros dabondo para suplirme.
– Por qué non se presentan candidaturas alternativas?
– Eu, dalgunha maneira, cando vin de Vigo para aquí na década dos oitenta, e empezamos a poñer isto en marcha, eu estaba aí coordinando, e queiras ou non, o que é aquí na CIG de Pontevedra, a día de hoxe eu son un referente. Non o único, afortunadamente, hai moitos máis, pero todo iso pesa, e a min dame a sensación de que como a cousa vai ben, medramos, aumentamos delegados, estamos presentes nos problemas laborais, nas negociacións colectivas, etc, pois hai como unha presión aí para que continúe. E agora houbo unha ocasión de ouro para deixalo, porque podía ir para a executiva galega, pero entre todos decidimos que era mellor que quedase aquí.
– Cales son os retos para este mandato?
– Neste momento a Xunta de Galicia non nos atende. A Consellería de Traballo non recibe, e pensamos que a conselleira non reúne as cualidades idóneas para estar nese cargo. A Xunta puxo aos superdelegados eses como frontón para que a xente se estrele contra eles e de aí non pasamos. Esta xente ademais non ten nin idea de dereito laboral e ainda por riba non existe a interlocución laboral. Iso é o primeiro que temos que conseguir, que haxa interlocución laboral. En segundo lugar, temos que loitar contra esta campaña privatizadora que teñen iniciado. Isto, unido ás presións da patronal e da dereita, a situación de crise, os ERE que hai, etc, pois vainos levar a unha mobilización laboral na vindeira primavera. Non podo concretar a data pero será a finais de marzo ou en abril.
– O inmediato na comarca?
– Pois os EREs que vai haber que negociar en Casas Novas, seguramente en Indeza, e os problemas de Nefab de Ponte Caldelas, Industrias González en Lalín, Cedonosa e o grupo Alfageme. Ao marxe deste conflictos laborais, imos apoiar tamén á plataforma en defensa da ampliación de Montecelo, e un montón de cousas ás que temos que atender de aquí en diante.
– Como evolucionou o sindicato na comarca nos últimos anos?
– Hai catro anos tiñamos uns 5.000 afiliados na comarca e agora estamos nos 8.000. A CIG experimentou un crecemento de afiliados e cotizantes, non só de fichas, dun 40 por cento nos últimos anos. O crecemento foi maior nos últimos dous anos, seguramente pola situación de crise e de problemas laborais que atravesamos. Isto supón que outro dos retos para os vindeiros meses sexa o traballo a nivel interno, a nivel organizativo. Porque temos experimentado un crecemento moi grande, mantendo unha estructura que é prácticamente a mesma que hai catro anos, polo que teremos que esforzarnos tamén no eido organizativo. É algo que luce menos, pero que é necesario. O sindicato en Galiza ten pasado dos 50.000 afiliados hai catro anos a unos 75.000 nos que está agora, polo que somos un referente no movemento obreiro.