REDACCIÓN - PONTEVEDRA
En toda Galicia só tres xuices empregan o galego nas súas resolucións, non hai xogos educativos na lingua do país, contados best-sellers internacionais se traducen e nin unha soa sala de cine proxecta filmes en galego ¿onde está logo a igualdade entre as linguas? Foi a pregunta que se facían onte Xacobe Rodríguez e Begoña Davila, do sindicato CIG, na presentación do paro xeral que fará o ensino o vindeiro día 21 como resposta ao que chaman "decretazo" contra o galego.
Segundo os voceiros da central maioritaria no ensino galego, a maioría dos claustros de Pontevedra (un área con 22 centros educativos) oponse ao borrador que presentaron aos medios os responsables do Goberno galego. Xacobe Rodríguez sinalou que "estamos nestes días visitando os centros para analisar cos docentes o borrador e maioritariamente botanse as mans á cabeza".
"Paremos o decretazo contra o galego" é o lema da folga xeral e da manifestación que tamén se celebrará o día 21 en Compostela. Coa idea de facilitar a asistencia cidadá á protesta, sairán varios autobuses de Pontevedra e os interesados en utilizar este transporte poden reservar prazas no teléfono 681180895.
A organización convocante é "Queremos Galego", plataforma que agrupa a 600 organizacións, sindicatos e institucións culturais. CIG respalda a iniciativa e conta con que outros sindicatos do ensino, caso de Comisións Obreiras e Unión Xeral de Traballadores, tamén a respalden como de feito xa fixeron varios dos dirixentes de ambas centrais.
En xeral, CIG califica de "ataques inexplicables" ao galego a actuación do Goberno galego desde a súa elección, como a modificación da Lei da Función Pública, o cambio da denominación das galescolas (o sindicato preguntase ónde está a austeridade se se invisten miles de euros nesta modificación) ou mesmo o cambio do programa lingüistico das galescolas que fora felicitado e premiado pola Unión Europea.
Tras do que consideran unha "chapuza de enquisa sin ningún tipo de garantías", consideran que os puntos do borrador adiantados polo Executivo son "a puntilla a todo este proceso" contra o que "debe manifestarse o ensino".
Begoña Davila sinalou que o borrador elimina a necesidade de que o galego esté presente no 50% do tempo escolar e os pais elexirán anualmente o idioma; en Primaria expulsase ao galego de asignaturas troncais como as matemáticas "algo que xa se instituira no ano 1987... E como todo esto é moi difícil de maquillar inclúen como excusa o trilingüismo".
Así, convidan a todos os ensinantes a participar na manifestación e advirten que "a CIG non vai entrar a negociar o que supón a puntilla para o galego".
De feito, denuncian que "na práctica, moitos centros nin aplicaron nunca a obrigatoriedade de impartir o 50% das asignaturas en galego".