S. R. - PONTEVEDRA
O actor Carlos Blanco lembraba onte na presentación de Cantos na Maré 2009 que o pasado mes de setembro, cando o espectáculo deu o seu salto a Brasil, sorprendeuse do resultado deste primeiro desembarco internacional. "É curioso", explica o popular intérprete galego, "pero o que botei de menos foi o público, aquí o Pazo é un espazo frío, pero o público é calido, mentras que en Fortaleza-Brasil o teatro era impresionante pero o concerto era por invitación a embaixadores, políticos etc e eu botei en falta a calidez do público de Pontevedra".
Así, os participantes nesta nova edición de Cantos na Maré agardan contar de novo, nesta séptima entrega dun concerto que quere ser ponte entre continentes, ritmos e culturas, cun público "xa fidelizado", indica a concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico.
Ésta encabezou o debut da nova edición do Festival Internacional da Lusofonía e lembrou que "o espíritu de este espectáculo é o mesmo ao longo do tempo, a diversidade plena de matices e ritmos partindo do que temos en común, unha lingua".
Esta nova travesía polo Atlántico estará capitaneada un ano máis pola galega Uxía. Con ela, subirán ao escenario o brasileño Fred Martins (a aposta 2009 de Cantos da Maré polas novas figuras da música), Tito Paris de Cabo Verde e Raquel Tavares de Portugal.
A cita será o vindeiro día 19 no Pazo da Cultura (as entradas xa están a venda a 10 euros nas taquillas 902 504 500 e 986 11 05 00 ou en www.caixanova.es) e o resultado será un espazo no que amosar "que temos unha lingua no mundo para expresármonos sen complezos, sen fronteiras, camiñamos con paso firme nesta aventura unindo as nosas voces luso-brasileiras, luso-africanas e luso-galegos" , sinala Uxía.
Ésta lembrou que un ano máis o leif motiv é o compromiso dos artistas coas súas terras "algo que define desde un consagrado Tito Paris o a Raquel Tavares, a máis nova".
Pola súa banda, o brasileño Fred Martins expresou a súa satisfacción por representar ao seu país nesta cita."Experimentei a proximidade cultural que Cantos na Maré ven fortalecendo e actualizando", indicou o artista, "pero a miña sorpresa foi grande ao ver as moitas coincidencias entre nós, tamén na maneira de ser".
E a propósito do debut do espectáculo en Brasil, lembrou que foi unha oportunidade de escoitar boa música e de ver a "Carlos Blanco cantando e bailando como Carmen Miranda".
Ese entusiamo que anima a bailar é o que piden agora os responsables do concerto ao público galego para recibir como se merece a Tito Paris. Din del que é a personificación da alma caboverdiana e impagable a súa contribución á divulgación das músicas dos seu país.
Ademáis desta icona da música luso-africana, estará ante o público Raquel Tavares, que con só 24 anos é sinalada como un exemplo de forza e capacidade interpretativa. "É unha voz maravillosa, toda ela emoción e co mestre Tito Paris fixo un proxecto de ligar a súa música á de Cabo Verde".
Precisamente ese é o espíritu de Cantos na Maré: crear pontes, incentivar proxectos, propoñer encontros, amosar que a nosa lingua só ten horizontes, non cancelas.