S. R. - PONTEVEDRA
Este mes cumplese medio século da morte de Ramón Cabanillas, unha figura imprescindible na cultura galega. O seu conveciño Luis Rei presenta nestas datas unha biografía froito dun longo traballo de investigación que só uns días despois de sair do prelo xa era unha obra de referencia para todo aquel que queira achegarse á vida e a obra do autor de Na noite estrelecida. No debut da obra en Pontevedra o escritor referiuse especialmente á fonda relación do poeta e galeguista cambadés con Pontevedra.
—¿Que aborda no libro Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades?
—Aborda a vida completa de Cabanillas, todo o seu percurso vital dende que nace en Cambados en 1876 ata que morre tamén en Cambados en 1959, trata a súa relación coa xente, a súa participación política, a escrita e tamén as súas vinculacións humanas, encontros e desencontros.
—¿Que ensinanzas obtemos de Cabanillas?
—Nese caso hai que aludir a dúas cuestións, unha relativa á súa importancia, dixo Ramiro Fonte que Cabanillas foi “o poeta necesario” porque cando él aparece como escritor no 1913, co primeiro libro no desterro, a literatura galega pasaba apuros, estaba en trance de desaparición e temíase que non houbese continuidade despois da morte de Curros e da morte de Rosalía, afastados do mundo como decía Pondal, temíase que non houbese un futuro e agardabase unha voz brillante e potente. Pois resulta que esa voz apareceu, brillantísima e potentísima e foi a de Ramón Cabanillas. Eso con respecto á súa importancia, e volveu a ser vital, trascendental, na postguerra cando perdida de novo a literatura e a edición en galego él volve a aparecer para asinar o primeiro libro de Galaxia, o primeiro libro de Bibliófilos Galegos, para volver a ser o mascarón de proa nesta nova entrada na literatura. Foi por tanto efectivamente o poeta necesario e a segunda cuestión se me pregunta por cales son as leccións que quitamos de Cabanillas é a súa fidelidade a Galicia, unha fidelidade con maiúsculas, allea a partidismos aínda que o seu galeguismo non se discute, e é ademáis unha fidelidade en todas as circunstancias.
—Na presentación do libro falou especialmente da vinculación do poeta vinculado á cidade do Lérez ¿foi Cabanillas casi pontevedrés?
—Si, pódese decir que Cabanillas era casi pontevedrés, a primeira vez que publicou, en 1895, cando tiña 19 anos, foi nun xornal de Pontevedra, a cidade de onde era seu pai porque de feito a metade da súa familia residía aquí. Aínda que formou parte das Irmandades da Fala en Santiago él onde traballa verdadeiramente é en Pontevedra con Castelao e despois da Guerra Civil os seus primeiros e tímidos escritos aparecen en Pontevedra, na revista Alborada e en torno ó obradoiro editorial de Sabino Torres, con Celso Emilio Ferreiro e Ramón Peña, por todo eso vese que a relación de Cabanillas con Pontevedra non é casual, circunstancial ou puntual senón que Cabanillas tivo todo, absolutamente todo que ver con Pontevedra. Nese percurso vital hai fitos como o do ano 1919, fixo en agosto de este ano 90 anos, se lle rinde unha homenaxe por parte de todos os coros galegos a Perfecto Feixóo e Cabanillas foi un encargado de homenaxear cun poema.
—¿Cando se inicia a vinculación do poeta coa cidade do Lérez?
—Cabanillas era fillo de solteira, o seu pai recoñeceuno cando tiña aproximadamente dez anos e era pontevedrés, nacido en Sanxenxo pero vivía en Pontevedra, onde era funcionario da Deputación, e Cabanillas tiña moitos irmáns, por exemplo o abó do ministro Pio Cabanillas, e con eles tivo toda a vida un trato de familia, unha magnífica relación e por esa vía empeza a ter relación con Pontevedra dende neno. En 1904 Cabanillas era funcionario en Cambados e deixa ese traballo e participa nunha xestoría cun pontevedrés ilustre, José Benito Fernández Peón, e nese momento xa prácticamente traballa aquí e logo están as súas amizades de futuro xa as fai nese tempo, antes de ser poeta, antes de ser coñecido, e incluso fainas máis no ámbito do republicanismo pontevedrés da época, tan vigoroso e potente, que no galeguismo que daquela non existía.
—Valle-Inclán, Torrente, Cabanillas...¿Opinan os bibliófilos que Pontevedra é unha cidade literaria?
—Pontevedra sí é unha cidade literaria e eu recoñezolle todos os valores literarios pero probablemente non son suficientemente coñecidos. No caso concreto de Cabanillas a súa relación é clara, vese como escribe e publica na revista Alborada e por exemplo o álbum Nós, con colaboracións de Cabanillas, conseguese editar aquí a través de Sánchez Cantón, Filgueira e outra xente, esta cidade de Pontevedra sin dúbida é unha das patas da literatura galega, sin ningunha dúbida.