O rock catalán de “Gossos” chega hoxe a Pontevedra. A banda de Manresa actuará no Teatro Principal, a partir das nove da noite.

“Gossos” é un dos grupos rock máis populares en Cataluña. Destacou pola súa música acústica, soamente con guitarras e baixos, sen percusións, ata que no ano 2002 engadiron unha batería.

Nos seus dezaseis anos de carreira levan editados nove discos en catalán e un en castelán. “Oxigen”, publicado en 2007, é o seu último traballo.

No verán de 1993, os manresáns Oriol Farré, Juanjo Muñoz, Natxo Tarrés e Roger Farré decidiron xuntarse para compoñer e tocar. Despois dalgúns concertos presentáronse a varios concursos, e na segunda oportunidade conseguen gañar coma premio a produción do seu primeiro disco, “Gossos” (1994).

O seu estilo acústico fainos destacar e aumentar o número de concertos por toda Cataluña, mentres preparan o seu novo disco “En privat”, que editan en 1996.

En 1997 sacan o terceiro disco, cunha particularidade: en lugar do título os catro músicos aparecen formando a palabra “Mandala” na portada, polo que o disco toma este título.

O cuarto disco gravárono en directo no Teatro Conservatorio de Manresa no ano 1998, co título “Directament”. Nel destacan as colaboracións de Cris Juanico, Gerard Quintana e Pemi Fortuny. En 2000 deciden sacar un disco en castelán, “De viaje”, gravado en Madrid.

Despois deste álbum volven gravar en catalán, producindo o seu sexto traballo “Cares” (2001), contando coa participación de Javier Álvarez, con quen fiexon amizade en Madrid.

No ano 2002 deixan o son acústico que os caracterizaba e deciden tocar con guitarras eléctricas e incorporar unha batería. No 2003 sacan o que sería o seu sétimo disco, “El Jardí del Temps”, e no 2005 o oitavo, chamado “8”.

O ano 2008, despois dun 2007 cheo de concertos presentando o seu “Oxigen Tour” por Cataluña, Baleares e o País Valencián, e recollendo louvanzas por parte de crítica e público.

Celebran o seu 15 aniversario con concertos especiais coma o do día 4 de abril no Auditorio de Barcelona, xira por distintas cidades dos Países Baixos, a súa participación no Festival Popokomm de Berlín e seguindo cunha longa xira de concertos co mellor directo actual.

Entradas

A entrada para o concerto de hoxe custa 6 euros (4 euros anticipada.) Pódense adquirir entradas anticipadas no teléfono 902 504 500 e en “servinova.com”.

A billeteira do Teatro Principal para a adquisición das entradas abre unha hora antes da función.