As súas orixes en Lourizán, no seo dunha familia de mariscadores, e os seus posteriores estudos en Historia e Comunicación Audiovisual conduciron a Lukas Santiago (Pontevedra, 1973) ao empeño de investigar e documentar lugares e riquezas de Galicia tan castigadas como a súa parroquia. Logo de rodar outras crónicas, Lukas Santiago prepara agora “Lourizán, parroquia mártir. Crónica dun paraíso perdido”.

- Que expón este traballo?

- Eu son de Lourizán, a miña familia son mariscadores e a miña avoa estivo no cárcere cando en 1958 encarcelaron a unhas mariscadoras que protestaban contra a Celulosa, porque lles estaban arruinando o seu modo de vida. Foi algo que mamei, esa e tódalas salvaxadas que fixeron aquí e que levou á miña parroquia a ser o patio traseiro de Pontevedra. Hai cincuenta anos Pontevedra remataba no semáforo de Mollabao e hoxe en día sigue rematando no mesmo punto, porque medrou de costas a Marín.

- Cal é ese paraíso que se perdeu en Lourizán?

- Para explicalo graficamente, a finais do século XIX, Eugenio Montero Ríos fixou a súa residencia galega no Pazo de Lourizán, e fixo un pabellón de invitados ilustres no que hoxe é o colexio do Sagrado Corazón dos Praceres. Por algo escollería este enclave. Naquela época se puxeron de moda os baños de mar, para un turismo de élite. Ese lugar tan paradisíaco, que xa o suxire o seu nome,“Os Praceres”, contaba ademais co banco marisqueiro máis produtivo e de maior calidade de Galicia, ata que chegou a Celulosa. De alí saía a cría de molusco para todos os bancos de Galicia. Agora a calidade do produto é de zona C. Todo aquel auxe tivo un punto de inflexión na Guerra Civil e a posguerra. Aquelo morreu, pero o banco marisqueiro matoulle a fame a moita xente da parroquia. Di o meu avó que a Celulosa non a quixeron en Vigo e a trouxeron para aquí.

- Que podería ter sido Lourizán?

- Habería que facer un estudo económico comparativo do que é a zona comprendida entre Pontevedra e Marín sin Celulosa frente ao que é con Celulosa. Despois da pasteira, meteron aí as depuradoras, con máis peste para a nosa parroquia, e agora ainda por riba lle meteron o tren polo medio da praza do pobo, imposto durante o goberno de Aznar mediante represión policial. Utilizaron a represión policial para pasar sobre a vontade dun pobo.Logo viron os tribunais a darlle a razón aos veciños, pero para nada, porque a obra está feita, ninguén a move, e os promotores desta obra xa sabían daquela que era ilegal, o que pasa é que xogaron coa política de feitos consumados e conseguiron rematar unha obra que era claramente ilegal dende o primeiro momento.

- E no tocante ao patrimonio histórico e cultural?

- Pois Lourizán volvería a ser un paraiso de poñer en valor o seu patrimonio. Nas primeiras obras do tren a Marín atopouse unha vila romana con factoría de salgadura e o que fixeron foi tapalo con formigón, logo anos despois seguiron coas obras. Eu tiven na miña man o estudo de impacto arqueolóxico e decía algo así como que ainda que houbera unha vila romana alí, pois como estaba xa tapada con formigón, pois non pasa nada, que mellor era tirar para adiante. E así con todo, en vez de apostar pola nosa riqueza patrimonial, o que se fai é tapalo todo, ignoralo, derruilo e facer como si aquí nunca houbera nada.