REDACCIÓN - PONTEVEDRA
A Xornadas da Historia continúan hoxe, ás 20.30 horas, co tema "Grandeza e decadencia da lingua galega" a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato, da Universidade de A Coruña.
Como consecuencia da importancia política do Reino da Galiza na Idade Media, a lingua galega foi lingua das cortes cristiás durante séculos, conservando aínda este carácter en León e Castela durante o século XIII.
Ao mesmo tempo, o galego converteuse en lingua lírica peninsular e, por tanto, na lingua de cultura por excelencia. Porén, a lenta e progresiva subordinación política do Reino da Galiza a Castela durante a Baixa Idade Media, acelerada no reinado dos Reis Catálicos, vai provocar tamén a decadencia do galego, que inicia a súa andadura na Idade Moderna como lingua marxinada polo poder foráneo, desprestixiada socialmente e afastada paulatinamente do ámbito escrito.
A clausura das xornadas será o sábado. A primeira ponencia será ás 11.00 horas a cargo de Henrique Monteagudo da Universidade de Santiago de Compostela que falará da "Emerxencia do galego escrito (s. XIII): a lírica e a prosa documental". Ás 12.30 horas, Fernando Reyes, director de Resonet, pechará as xornadas coa súa intervención sobre "Cantigas, a recuperación das perspectivas esquecidas".