P. G. - PONTEVEDRA
Ana Rosalía Rodríguez é a secretaria da asociación cultural Os Chichisos, un grupo que nace dunha amizade e de dúas inquedanzas en común que manteñen unidos os seus once membros: a música e a preocupación pola cultura da terra. Este grupo de músicos preocupados polo devenir da cultura galega leva funcionando dende o ano 2001.
Integrados na vida social de Pontevedra, non soamente se adican á música, senón tamén á recuperación de tradicións que parecen esvaecerse. Unhas veces, engulidas pola modernidade; outras, pola introducción de tradicións externas. É esta inquedanza a que os levou o pasado luns, 17 de agosto, a elevar unha queixa ó Concello reclamando “novos aires de festa en Pontevedra”. O motivo, os feitos acaecidos durante a lectura do pregón das festas da Peregrina.
–Que sucesos motivaron a queixa que Os Chichisos presentaron ao Concello tras o pregón das festas?
–O día do pregón fomos un grupo dos Chichisos. Estaba a banda de música, un grupo folclórico e un montón de xente vestida cos traxes típicos. Nos estabamos moi perto e se escoitaba fatal. Logo tiraron ‘o chupinazo’ que estaba posto no balcón do Pazo de Mugartegui, igual que nos San Fermíns. Tras os fogos do río comezou a tocar unha charanga que estaba alí e empeza a tocar a “Dende Santurce a Bilbao”. Unha charanga que toca todos os anos. Das outras veces que asistín ao pregón non notara nada raro, pero este ano seguiron con cancións como a samba, “Uno de enero, dos de febrero” ¿E estamos en Pontevedra?, ¿nas festas da Peregrina? Parecía calquer outro sitio que non fose Pontevedra, que nós temos de sobra, cancións nosas para elixir sen ter que introducir outras.
–Qué tipo de actividades e de música proporíades para mellorar a calidade autóctona das festas da Peregrina?
–Nós, cancións non proporiamos ningunha porque hai un amplio ábano de temas de distintos estilos musicais. O que nós pensamos e que se pode facer unha enquisa popular e mirar todos os temas que poderían ter viabilidade para o transcurso das festas.
–Credes que a vosa queixa sobre o transcurso do pregón reflexa a opinión doutros pontevedreses?
–A mín cónstame que houbo moita xente que se deu de conta do mesmo que nos demos de conta nós. Tamén coñecidos nosos pensan que non era normal o que estaba sucedendo esa mañá aquí. O Concello foi consciente dos erros no son e díxonos que fora un problema técnico e que é algo que se vai subsanar en edicións sucesivas. O resto non sei se se vai arranxar ou non, se se lle foi das mans ou non. O que pasou non foi normal e non foi sólo dende o grupo Os Chichisos que o notamos, si que houbo máis xente á que lle chamou motísimo a atención. Non só o feito do ‘chupinazo’, a música deixou moitísimo que desexar.
–Respondeulles o Concello a implantación do chupinazo ou da música de San Fermíns tocada pola charanga?
–Sobre a introducción da música de fóra podo dicir que alí estaba presente a Banda de Música e máis un grupo de música tradicional. Se tiña que empezar a tocar ou non a charanga iso é algo que non sabemos. Tampouco nos o aclararon dende o concello.
–Credes que cambiará algo para as festas de 2010? Esta queixa provocará algún efecto?
–A nós gustaríanos que si, que tivera efecto e que fora tido en conta o respecto pola nosa cultura. Porque que se non a respetamos nós non somos nin tan sequera dignos de ser desta terra. Supoño que se son medianamente intelixentes si o farán, porque eu o teño claro, que a min non me costa nada protestar. Se eles van seguir a facer as festas do xeito que pensan eles que vai ser mellor, eu tamén teño dereito a coller e seguir protestando e dicindo que non o están facendo ben.