"Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos" é o título do libro que presentou onte o escritor e profesor Carlos Solla, unha obra na que recupera a historia do río Gafos a través da súa toponimia.

O título, prestado dun verso de Cunqueiro, evoca as orixes do río, "de cando era un andar primeiro, virxe, agora tras dunha década de traballo de Vaipolorío estase recuperando, porque antes era un sumidoiro e aínda o é nalgúns tramos ou está tapado, como en Campolongo" suliña o autor.

Éste levou a cabo unha intensa recollida de patrimonio inmaterial a través dos socios de Vaipolorío e dos veciños da ribeira do Gafos, que lembraron os nomes das microleiras e reconcas que lindan co río.

A maiores, Carlos Solla presenta na obra un estudio etimolóxico da toponimia maior e da microtoponimia. O experto suliña que a toponimia é unha das grandes riquezas da lingua galega (hai estudos que sinalan que Galicia acumula máis dun 50% da toponimia da Península) e está "vencellada ao xeito que tivemos os galegos de poboar, non hai lugar sin aldeiña ou finca que non fora explotada agropecuariamente; no sentido do noso pobo está o poñerlle nome a todo".

A toponima tamén actúa a modo de fósil, perpetuando a memoria de cada espazo. O autor da obra citou un exemplo: "Hai unha zona da ribeira que se chama As Laranxeiras, agora non están esas arbres, pero pola toponimia sabemos que sí que existían nesa leira, ou imaxinemos que pasen cen anos e se perdese a memoria do río, se alguén investigase o seu nome vería que se chama así porque o seu treito final acoutabase para que poidesen bañarse e asearse os afectados polo mal de San Lázaro".

O Café Moderno acolleu a presentación da obra, na que participaron representantes do Concello de Pontevedra, de Vaipolorío, informantes de toponimia e na que actuou o gaiteiro Pablo "Feiticeiro".