“Proba en galego” é o lema dunha campaña posta en marcha polo concello y que tenta animar ó comercio da cidade a usar máis o galego. Segundo explicou onte a concelleira de Normalización Lingüística, Anxos Riveiro, o plan supón unha reacción do concello “ante a perda de usos da lingua galega no ámbito urbano”. Os obxectivos principais desta iniciativa son: “reforzar o uso do galego nas relacións comerciais que xa se establecen nesta lingua, como marca de identidade, calidade e proximidade coa clientela; animar aos comerciantes que non usan o galego a incluír esta lingua na súa comunicación empresarial como un modo de reforzar o seu carácter e de achegarse á clientela; ofrecer material actualizado para facilitar as xestións comerciais; e atender as pautas que recolle a Xunta de Galicia no Plan xeral de normalización da lingua galega para o ámbito do comercio”.

Material e cursos

As actividades que se integran nesta primeira fase da campaña son o reparto de material informativo e publicitario (carteis coa imaxe da campaña, calendario con caderno de notas, mandís, caramelos, e etiquetas adhesivas...); un curso de optimización da comunicación para o comercio; e material práctico e documentación para a xestión e a comunicación comercial.

Riveiro lembrou onte unha recente declaración institucional, aprobada por unanimidade pola corporación municipal que aposta por garantir o coñecemento do galego en todos os ámbitos. A concelleira amosou tamén a súa preocupación polos anuncios da nova Xunta de Galicia, porque “van en contra do que a propia Xunta aprobou cando gobernaba o PP, polo que sería bo que o PP mantivera o que apoiaba no ano 2004”.