A Rede de Entidades Amigas da Lingua respalda a homenaxe ao párroco Vicente Cerdeiriña, que se celebra hoxe en Poio. Esta Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) está impulsada polo Concello de Pontevedra e fórmana asociacións, entidades e persoas representantes de diferentes sectores sociais, como o asociacionismo, o ensino ou o comercio.

Pese a pertenceren e traballaren en ámbitos diferentes, todas as persoas e colectivos que a integran comparten a preocupación pola situación actual do uso do galego e mais o compromiso coa acción a prol da normalización da lingua.

Homenaxe

As celebracións de homenaxa a Cerdeiriña darán comezo hoxe ás 13.00 horas cunha misa solemne cantada pola Coral de Poio. A continuación inaugurarase un gran panel no templo, cun resumo da vida da parroquia ao longo destes últimos 30 anos.

Ás 14.00 horas iniciarase unha comida no restaurante A Marisqueira, en Lourido, á que xa se teñen apuntado unhas 200 persoas.

Na homenaxe prevista para hoxe, o Concello de Poio faralle entrega a Vicente Cerdeiriña dun diploma enmarcado para recordar o seu labor a prol do galego. Ao acto tamén se sumou a Asociación Encrucillada.

Trinta anos

Vicente Cerdeiriña, párroco do Divino Salvador de Poio, leva trinta anos traballando a prol da presenza do galego na liturxia e en todos os ámbitos da Igrexa, empregando sempre a lingua galega tanto oralmente como en todas as publicacións da parroquia; ademais, ten defendido e actuado a prol do uso do galego desde os seus artigos publicados en revistas de recoñecido prestixio como Encrucillada, Lumieira e Irimia.

Por todo isto, a Rede de Entidades Amigas da Lingua súmase a esta homenaxe que se vai celebrar co gallo do seu trinta aniversario como párroco, e coa que o Concello de Poio quere agradecer o traballo de Vicente Cerdeiriña pola lingua.

“Longo labor”

A Rede de Entidades Amigas da Lingua cre que “o longo labor de Vicente Cerdeiriña para facer visíbel e normalizar a lingua galega no ámbito da Igrexa e da liturxia é o modelo de coherencia que debe guiar as accións para normalizarmos a lingua en todos os ámbitos da sociedade galega, pero de xeito especial na nosa bisbarra, unha das que máis falantes de galego están a perder en toda Galicia”.