|
|
|
HEMEROTECA » |
|
REDACCIÓN - PONTEVEDRA O Tren de Caixanova iniciou a súa viaxe este ano. Preto de 200 escolares pontevedreses foron os primeiros en subir a este particular convoi que leva anos percorrendo os camiños de ferro de Galicia para fomentar entre os cativos de entre 5 e 8 anos de idade o emprego do idioma galego. Os centros educativos que participaron nesta viaxe inaugural entre Pontevedra e Vigo foron As Doroteas, o CEIP de Cabanas, o de Santo André de Xeve e o Sagrado Corazón de Praceres.
Eles foron os primeiros pero non serán os únicos. Este ano serán un total de 1.200 cativos veciños da cidade do Lérez subirán ó ferrocarril para compartir unha excepcional aventura que ten ó galego como o mellor compañeiro de viaxe.
Chegaron á estación de Pontevedra pouco antes das dez da mañá para embarcar nun tren no que os outros compañeiros de butacas dos cativos eran contacontos, pallasos e grupos de animación que incentivaron aos máis pequenos a expresarse en galego, ademáis de repasar a historia do ferrocarril en Galicia e as vantaxes que ten como medio de transporte público.
Os nenos tamén gozaron da compaña da escritora e catedrática de filoloxía Luisa Blanco, que acadou en 1987 o premio de Periodismo Caixanova Julio Camba polo seu traballo sobre o léxico de Álvaro Cunqueiro. Neste convoi tamén viaxaron a concelleira de Cultura de Pontevedra, Dolores Dopico, o xefe de servizo do Corredor Atlántico de Renfe, Justo Saro Pérez, e o director de Relacións Institucionais de Caixanova en Pontevedra, Antonio Gómez Rivera.
Caixanova organizará 53 viaxes en ferrocarril ata xuño entre as principais cidades galegas e, ademáis, outros escritores en lingua galega participarán no primeiro percorrido que saia de cada unha das estacións de tren.
Teatro para escolares
A relación entre os colexios e Caixanova non finaliza cando este tren chega ó seu destino na estación._De feito a súa colaboración cos centros educativos é constante. Así, a entidade presentará en Pontevedra, no Auditorio do Centro Social, a obra de teatro escolar “Bolboreta”. As representacións terán lugar do 24 ao 26 de marzo. Esta peza teatral corre a cargo da compañía “Trompicallo Teatro e está dirixida ós alumnos de primeiro ciclo de Primaria._As funcións serán ás 10 e ás 12 horas e está prevista a asistencia de 39 centros escolares de Pontevedra con preto de 1.950 alumnos.
“Bolboreta” conta a historia dun monstro peludo, un rei egoísta e unha nena valente capaz de vencer todos os obstáculos para salvar ós seus seres máis queridos.
Ademáis a obra compleméntase cunha unidade didáctica para traballar nas aulas que se pode atopar na web www.centrosocialcaixanova.com/actividadesescolares/.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||