O Consello da Xunta de Galicia deu aprobación onte ó convenio entre a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o Concello para a primeira fase do saneamento do rural de Pontevedra, por un importe global de 5.714.285,71 euros.

Dase así cumprimento ó anunciado polo concelleiro do Rural pontevedrés, José Manuel Valcárcel, despois de que o convenio fora aprobado pola Xunta de Goberno local o pasado día 9 deste mes.

Valcárcel afirma que o camiño para a licitación efectiva das obras por parte da Xunta e do Concello queda definitivamente expedito, a expensas únicamente de que o convenio pase a formalidade de seren asinado polos representantes da Empresa Pública e do Concello.

O concelleiro do Rural constatou que trala finalización do período de exposición pública dos proxectos de saneamento, que rematou o pasado luns, non se presentaron alegacións. A Concellaría do Rural xa remitiu a certificación á Xunta, polo que están rematados tódolos trámites administrativos.

Reparto

Este primeiro convenio deriva do protocolo xeral de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello o 10 de outubro de 2006. Abrangue obras que se reparten a razón de 4 millóns de euros para a Empresa Pública da Xunta, que se encargará do trazado dos coelctores primarios, e 1.714.285,71 euros para o Concello, para seguiren a ampliar a rede secundaria.

A Xunta licitará as redes de sumidoiros das parroquias de Tomeza IV fase (780.705 euros), Lérez V fase (962.779), Cerponzóns II fase (276.060 euros), Mourente III fase (1.374.591) e Ponte Sampaio III fase (605.863 euros).

Obras do Concello

Pola súa banda, o Concello licitará as obras da rede de Reiriz-Alba (49.392 euros), Guxilde-Alba (49.701), San Caetano-Alba (59.994), Cañota-Alba (59.083 euros), Campañó de Abaixo (892.639), Cendona-Lérez (47.476), Barcia-Marcón (307.415), Valadares-Marcón (59.651), Carrasco-Marcón (188.993).

En total vanse instalar ao longo destas parroquias máis de 22 kilómetros de tuberías e preto de 1.000 pozos de rexistro.